imaxe_apego_carballo_inverno_2018A Ludoteca Municipal, a Biblioteca Rego da Balsa e o Pazo da Cultura de Carballo no pararán en todo o inverno de desenvolver unha chea de actividades formativas e de dinamización para a socialización en galego da infancia.

Programa Inverno 2018 de Apego en Carballo (.pdf, 2,6 Mb)

Ademais da constante comunicación coas familias e da edición e difusión de novos recursos, principalmente a través da rede, o programa Apego inclúe este inverno en Carballo música, contacontos, teatro, obradoiros, charlas ou monicreques. Un programa que compila unha chea de actividades destinadas a público familiar que se organizan no Concello desde diferentes áreas, para informar de xeito máis directo e efectivo as familias interesadas. Así, neste programa de Inverno 2018 inclúense actividades do Departamento de Cultura, que pertencen ao programa Venres Culturais; da Biblioteca Rego da Balsa; da Ludoteca; e do Servizo de Normalización Lingüística, coordinadora do programa.

NA LUDOTECA MUNICIPAL

Na Ludoteca haberá diversos contacontos e obradoiros, principalmente dirixidos a bebés de 0 a 3 anos, como Babycontos, o martes 23 de xaneiro, ou Nanocontos, con Raquel Queizás, un ciclo de contacontos para bebés que terán lugar, con dobre función, o último partes de cada mes. Tamén haberá dous obradoiros, un de Entroido, o mércores 31 de xaneiro, para nenos e nenas de 4 a 10 anos, e un de Masaxe Shantala, tamén para bebés, o mércores 28 de marzo.

NA BIBLIOTECA

Na Biblioteca Rego da Balsa terán lugar múltiples contacontos, principalmente do ciclo dos Ratos da Biblioteca, dos que haberá sesións dobres os días 24 de xaneiro, 7 de febreiro, 21 de febreiro, 7 de marzo ou 21 de marzo. Tamén haberá un contacontos de Caxoto o 1 de marzo, arredor da celebración do Día das Mulleres.

NO PAZO DA CULTURA

Aínda que, debido ás obras no auditorio do Pazo da Cultura, non está o programa dos Venres Culturais, da Concellaría de Cultura, presentado, adiántanse neste programa de Apego os espectáculos infantís que incluirá, que son o concerto Pitusa Semifusa e os estilos musicais, o domingo 25 de febreiro; a representación de A galiña azul, de monicreques Tanxarina, o domingo 11 de marzo; e A danza da choiva, de Elefante Elegante, o domingo 18 de marzo. As condicións das entradas destes tres espectáculos daranse a coñecer cando se presente este programa da Concellaría de Cultura.

Ademais de todas estas, o programa de Inverno 2018 de Apego inclúe outras actividades do Servizo de Normalización Lngüística, que terán lugar todas elas no Pazo da Cultura. Así, o xoves 25 de xaneiro estará Fíos do querer, un obradoiro-espectáculo musical de Cé Orquestra Pantasma para bebés, onde, ademais, nais e pais aprenderán cantigas, recitados, cancións, etc. En febreiro, o 28, chegarán As aventuras de Mamá Cabra, contacontos musical dun dos grupos máis representativos da música infantil galega, neste espectáculo para nenos de 1 a 4 anos. En marzo haberá un obradoiro para nais e pais sobre o proceso de adquisición da lingua das nenas e nenos, co título Fálame moito e ben. Será o día 6 de marzo, da man da empresa carballesa Oikos. O día 15 de marzo terá lugar a presentación de Radio Bulebule, o novo espectáculo de Paco Nogueiras, un dos músicos favoritos das nenas e nenos. E, para rematar, unha charla sobre a importancia do xogo na infancia, da man de Yaiza Antelo, psicóloga da Udiaf Bergantiños. Será o xoves 22 de marzo co título Infancia en xogo: xogar é urxente.

En definitiva, unha chea de actividades e espazos formativos, informativos e de dinamización para nais, pais e nenos e nenas, para contribuír á socialización en galego, que é o obxectivo principal do programa Apego.

Toda a información de participación e demais pódese consultar completa neste folleto (.pdf), que se distribúe tamén en papel entre as máis de 200 familias que forman parte do programa, ademais de a través das escolas infantís, edificios públicos, comercios, etc.

Programa Inverno 2018 de Apego en Carballo (.pdf, 2,6 Mb)

Pin It on Pinterest

Share This