PARA AS MEDRAS

Estás embarazada e son moitos os cambios que vas experimentar; por unha banda gran felicidade, mais tamén inseguridade ante a nova experiencia. Os sentimentos que vas ter ben poden ser contraditorios, xa que son moitas as alteracións que vai sufrir a túa vida: transformación do corpo, temor ao parto, cambios físicos e hormonais… Agora ben, esta etapa é tamén un tempo de reflexión, preparación e adaptación a un novo xeito de vida que debes afrontar sen medos porque ninguén naceu aprendido.

Son moitos os cambios físicos que se producen durante a xestación e non é doado adaptarse á nova situación. Xa durante o terceiro trimestre os cambios son máis evidentes e aumentan as molestias; o exercicio moderado, o descanso, os bos hábitos alimenticios e, sobre todo, seguir os consellos médicos, axudarán a levalo mellor.

Se tes calquera dúbida, diríxete á túa matrona ou ao teu médico ou médica, e eles daranche toda a información e axuda que precises.

Aprender sobre coidados infantís saudables
Non se nace sabendo ser nai e pai, apréndese a selo á vez que medran e maduran as crianzas. Coidalos saudablemente é unha tarefa comprometida que debe significar, na medida que sexa posible, unha clara dispoñibilidade para:

  • Dedicar tempo aos coidados infantís que cubran as necesidades básicas de seguridade, alimentación, sono, abrigo, estimulación…
  • Aceptalas en todo momento tal como son, coas súas virtudes, limitacións ou defectos.
  • Coidar ou mellorar as relacións de parella para poder dialogar e poñerse de acordo no xeito en que se vai coidar e educar o novo membro da familia.
  • Darlles exemplo vivo de comportamentos adecuados e saudables, fomentando a práctica cotiá dalgúns hábitos que proporcionan e protexen a saúde física e mental.
  • Axudalas a se converteren, co tempo, en persoas autónomas, solidarias e capaces.
  • Aprender a vivir sen a presenza e compaña dos fillos e fillas cando xa teñan vida independente.

Inmediatamente despois do nacemento, os servizos pediátricos realizarán unha revisión a fondo para coñecer o estado xeral de saúde da criatura e confirmar que todo transcorre con normalidade.

Desenvolvemento psicomotor

O seguinte cadro resumo de desenvolvemento axuda a facer un seguimento da súa evolución motriz, da maduración psicolóxica, e de como se vai adaptando progresivamente ao seu medio. É unha exposición aproximada, calquera carencia ou variación non supón obrigatoriamente unha anomalía.

 

1 mes

  • Fixa a mirada
  • Balbuce
  • Reacciona ao ruído
  • Succiona correctamente

2 meses

  • Sostén a cabeza collido no brazo
  • Emite variedade de sons e choros
  • Segue obxectos coa vista
  • Goza coas caricias

4 meses

  • Xira a cabeza cara a un ruído
  • Agarra obxectos
  • Ri cos pais
  • Sostén a cabeza estable

6 meses

  • Segue obxectos en movemento
  • Xira sobre si mesmo
  • Séntase con apoios
  • Recoñece o seu nome
  • Achega obxectos á boca

9 meses

  • Balbuce en diferentes tons para chamar a atención
  • Busca obxectos agochados
  • Séntase sen apoios
  • Está de pé con apoios
  • Fai pinza cos dedos índice e polgar

12 meses

  • Entende ordes sinxelas
  • Comunícase cunha linguaxe propia
  • Iníciase en camiñar con apoio
  • Expresa variadas emocións

15 meses

  • Sinala obxectos en debuxos
  • Pronuncia máis de cinco palabras
  • Camiña só
  • Leva a comida á boca
  • Mostra tristeza
  • Ensínalles obxectos aos pais
Consellos de crianza positiva
  • Falarlle ao bebé. A voz calmarao.
  • Responderlle cando faga sons repetíndoos e engadindo palabras. Axudará a que aprenda a usar a linguaxe.
  • Lerlle ao bebé. Isto vaino estimular para crear sons e a entender a linguaxe.
  • Cantarlle e poñerlle música. Axudará a que comece a apreciar a música e tamén será bo para o seu desenvolvemento cerebral.
  • Festexar o que fai dálle moito amor.
  • Apertalo e collelo con frecuencia. Favorecerá que se sinta seguro e querido.
  • Xogar co bebé cando estea esperto e relaxado. Déixao descansar se está canso ou nervioso.
  • Coidar a súa saúde física, mental e emocional. A crianza é unha tarefa dura! Sentíreste ben contigo mesma facilitará gozares do teu bebé.
Tipos de familia

Nos últimos tempos os modelos de familia mudaron notablemente; agora ben, é importante destacar que non son as relacións de consanguinidade ou os lazos legais os que favorecen o desenvolvemento integral das nenas e nenos, senón máis ben a existencia dun contorno no que se procure conscientemente a estimulación das fillas e fillos, no que as relacións humanas estean baseadas na comunicación e no afecto, e aprendan a sentir o apego á familia.

Decisións importantes
  • Que tipo de alimentación?
    Unha axeitada alimentación na primeira infancia inflúe decisivamente no crecemento e desenvolvemento tanto físico como mental, e diminúe enormemente o risco de infeccións. Pola contra, unha alimentación infantil inadecuada, en calidade ou cantidade, condicionará a aparición de enfermidades por defecto ou por exceso de nutrientes, que poden repercutir negativamente, tanto na saúde actual como na de adulto.
    O leite materno é o mellor alimento que se lle pode ofrecer a unha criatura acabada de nacer. Ningún preparado comercial pode reproducir totalmente as súas propiedades e beneficios. É un alimento vivo que cambia ao longo da vida do/a lactante, e mesmo dentro dunha mesma tetada.
    Ao aleitar, o estreito contacto físico reforza o vínculo afectivo e beneficia emocionalmente a nai e ao bebé.
    Hai que ter en conta que a túa decisión como nai informada pola lactación artificial ou materna debe respectarse e deberanche proporcionar a axuda necesaria para calquera das opcións que escollas.
  •  Que nome vou escoller?
    A escolla do nome é un acontecemento moi importante para a vida dunha persoa xa que o acompañará toda a súa vida. Un elemento máis de apego á súa familia, mais tamén á súa orixe.
    Este tamén pode ser un bo momento para recuperar a forma galega dos apelidos da familia, para deixarllos ao bebé perfectamente restaurados.
    No apartado Que o seu nome sexa propio tedes un amplo abano de propostas, máis de cen nomes para escoller e todos son nosos! Aquí tamén podedes obter información de como restaurar os vosos apelidos.
  •  En que idioma lle vou falar?
    A linguaxe é unha facultade dos seres humanos que nos diferencia e define como especie, porque a partir dela desenvolvemos o noso pensamento e permite que nos comuniquemos e que poidamos vivir en sociedade.
    En Galicia a nosa identidade como pobo construíuse ao redor da lingua galega dende hai máis de mil anos. Manter ese patrimonio milenario é, en gran parte, responsabilidade da familia, a vía fundamental para que o neno ou a nena aprenda o galego dun xeito espontáneo, pois a lingua transmítese polo uso e esa transmisión debe comezar xa antes do nacemento.
    Falarlle galego non implica pechalo/a á adquisición doutras linguas, ao contrario; na nosa sociedade teñen acceso ao castelán tamén e a convivencia das dúas linguas vai favorecer a aprendizaxe doutras con mellores resultados, e favorecerá o seu desenvolvemento dun xeito máis completo. A diversidade de linguas abriralle portas no mundo laboral e enriquecerá a súa propia cultura persoal.
    Pero se valoramos axeitadamente a lingua materna mellorará tamén a súa autoestima e o vínculo coa súa familia e a súa orixe.
    A lingua na que falades xa é unha referencia para o bebé que ides ter. Aprenderá outras, pero a lingua (ou as linguas) da casa será a que o bebé teña como lingua primeira, a que identifique co seu núcleo de referencia ao longo de toda a vida.
    O voso fillo ou a vosa filla vai nacer en Galicia e falarlle galego, ademais de integralo/a na sociedade e na cultura na que vai medrar, beneficiarao/a para a correcta adquisición deste idioma.
  •  Quen collerá o permiso para o coidado?
    É obrigatorio que a nai goce as 6 semanas inmediatamente posteriores ao parto. As outras 10 semanas pódense compartir co pai de forma simultánea ou sucesiva, en caso de que ambos os dous traballen.
    Tamén se pode coller a tempo parcial.
    Amplíase tamén en dúas semanas máis no caso de nacemento, adopción ou acollemento de fillo/a con algunha discapacidade. Mantense o dereito ao gozo completo da baixa maternal en caso de falecemento do/da fillo/a.
    O pai ten dereito a un permiso de 13 días de duración que se suma ao permiso por nacemento e é ampliable, en caso de parto múltiple, 2 días máis por cada fillo/a a partir do segundo nacemento.
    Poderá exercerse a tempo completo ou a tempo parcial, e durante todo o tempo que dure o permiso de maternidade ou unha vez que este conclúa.
Vacacións

Pódense acumular ao permiso por maternidade e mesmo gozar das que quedasen pendentes do ano anterior.

Sexa quen for o que se incorpore antes á actividade laboral, é importante que compartades as tarefas e que vos impliquedes os dous nos coidados do bebé.

Máis información: Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade da Xunta de Galicia

Hixiene

O aseo en xeral e a calquera idade debe ser suave e diario, así provocará unha reacción pracenteira e favorecerá a adquisición de hábitos saudables.

Aínda que nos primeiros meses o bebé recibe os coidados de xeito pasivo, é importante que progresivamente se promocione a súa colaboración no aseo diario e mais a súa autonomía.

Por exemplo, arredor dos 2 anos deben lavar as mans coa axuda dunha persoa maior, aos 3 deben facelo sós, e aos 4 xa deberán lavar con autonomía cara, mans e dentes.

O sono e o descanso

Todos os bebés dormen moito; ao principio tres ou catro horas, día e noite, e logo piden alimento. A partir do primeiro mes van aumentando o tempo que dormen de noite e reducen o que dormen de día, mais cada un ten o seu propio ritmo e algúns respectan o noso sono e outros non. En calquera caso, nós si respectaremos o seu, pois é fundamental para un desenvolvemento saudable.

Ata os dous anos dormen entre 11 e 16 horas ao día, e ata os cinco anos entre 10 e 14. É un síntoma claro de que non durmiron o suficiente se lles custa moito espertar pola mañá, ou se están cansos e pouco activos despois do sono.

Cómpre establecer certos rituais previos á hora de durmir, que contribúan ao seu benestar e relaxación: o baño, música suave, recoller o cuarto ou ver contos cando xa poidan facelo.

Deitarémolo sen almofada e coa barriga para arriba ou de lado, para evitar atragoamentos con vómitos ou flegmas durante o sono. Evitaremos lazos ou cadeas arredor do pescozo, e tamén abrigalos en exceso ou a carón de estufas ou braseiros.

Previr e manexar enfermidades e accidentes infantís
Para ter a seguridade de que a saúde do bebé marcha ben cando non existe ningunha enfermidade, os pediatras aplican un sistema ordenado de vixilancia periódica. Por iso é importante non faltar ás citas programadas, xa que é o mellor xeito de adiantarnos e coller a tempo calquera problema ou indicio. Tamén é importante respectar os tempos e as vacinas programadas no calendario de vacinacións, que axudarán a estimular as defensas contra as enfermidades infecciosas máis graves. Cómpre levalos cada vez que corresponda e rexistralo nas súas cartillas de saúde infantil para saber en todo momento os tipos e doses de vacina que recibiron.

Como actuaremos cando o bebé ten febre?
• Poñerémoslle roupa lixeira; nunca se debe abrigalo máis nin botar máis roupa na cama.
• Ofrecerémoslle a miúdo auga e outros líquidos como zumes, leite etc.
• Darémoslle comida de dixestión sinxela e non insistiremos moito se non ten apetito.
• Utilizaremos o medicamento e a dose indicada polo/a pediatra.
• Bañarémolo como de costume todos os días. Se a febre é persistente darémoslle un baño extra con auga morna ou mollarémolo cunha esponxa ou toalla en auga morna.

Como evitar os accidentes infantís?
Os bebés teñen a necesidade vital de exploralo todo; son curiosos, impulsivos e inquedos, e os pequenos golpes e rabuñaduras son parte do seu desenvolvemento normal. Ademais unha excesiva protección dos pais só limitaría a súa capacidade para autocoidarse.
A clave está en ensinarlles, pouco a pouco, a valorar, controlar e evitar os riscos, explicándolles con calma os porqués do perigo e as súas consecuencias. Debemos promover que vaian alcanzando progresivamente a súa autonomía para que sexan capaces de recoñecer o perigo, e evitalo ou controlalo, pero tamén debemos estar sempre vixiantes para adiantarnos aos posibles perigos. Se fomentamos a súa autonomía dun xeito seguro estaremos contribuíndo a que sexan persoas autónomas pero tamén a que sintan o apego polos seus.

Consellos básicos para previr accidentes domésticos
• Manter os bebés fóra da cociña mentres cociñamos, e impedirlles o fácil acceso a coitelos, garfos, tesoiras ou a calquera alimento ou obxecto pequeno que poida provocar atragoamento.
• Evitar que teñan ao seu alcance cables eléctricos, enchufes ou pequenos electrodomésticos.
• Poñer lonxe do seu alcance produtos de limpeza, desinfectantes ou aromatizantes para evitar posibles intoxicacións.
• Non deixar nunca o bebé só no cuarto de baño para evitar esvaróns, queimaduras con auga quente, afogamentos ou intoxicación por produtos de hixiene corporal. Tamén é unha boa prevención colocar na bañeira ou na ducha unha alfombra antiesvaramento.
• Evitar que anden sós preto de escaleiras, balcóns, fiestras e terrazas. Se hai escaleiras na casa é moi útil poñer portas de seguridade no acceso a estas. As fiestras deberán estar pechadas e poden instalarse pechaduras especiais que permitan a súa apertura limitada.
• Non deixar nunca ao seu alcance obxectos de costura, anacos de xoguetes ou pezas pequenas, ou ferramentas. Así evitaremos feridas, picadas e atragoamentos.
• No automóbil as crianzas deben viaxar sempre en cadeiriñas especiais para coche, que deberán ser colocadas como indique o fabricante e como recomenden os sistemas de seguridade do vehículo.

Caixa de primeiros auxilios na casa

Ten sempre unha caixa de primeiros auxilios. Ha de estar á man e debe conter, cando menos:

  • Gasas esterilizadas
  • Apósitos adhesivos
  • Esparadrapo
  • Vendas
  • Algodón
  • Alcohol
  • Auga osixenada
  • Desinfectante
  • Tesoiras
  • Pomada antiinflamatoria
  • Pinzas (para a extracción, de estelas)…
Ante unha urxencia

Non esquezas que ante un accidente doméstico que requira certa gravidade, debes chamar ao teléfono de urxencias sanitarias 112 ou ao 061, ou ben, acudir ao centro médico máis próximo.

PRÓXIMAS ACTIVIDADES

  1. Contos da lúa, de Trécola Teatro (Santiago de Compostela)

    10 Outubro|18:00 - 19:00
  2. Cantaxoga no Milladoiro (Ames)

    11 Outubro|18:00 - 19:00
  3. Miudiño: Os nosos bosques (Moaña)

    11 Outubro|18:00 - 19:00
  4. Movéndonos con Apego (Santiago de Compostela)

    14 Outubro|17:00 - 19:00

Pin It on Pinterest

Share This