Os vídeos do Apego

Xa vistes os vídeos do Apego e as aventuras de Po? Premede o símbolo + de cada unha das lapelas e gozade con eles!

As aventuras de Po: atamos os cordóns

Aprende a atar os cordóns (ou amallóns, ou amallóns) co polbo Po:
“Colle os dous cordóns.
Unha cruz tes que formar.
Pasa un deles pola cova.
E despois a estirar.
Agora con dous lazos.
Outra cruz tes que formar.
Pasa un deles pola cova.
E despois a estirar!”

As aventuras de Po: facemos galletas de nata

Aprendemos a cociñar galletas de nata co polbo Po. Unha receita boísima! Mans á masa!

As aventuras de Po: coñecemos as partes do noso corpo

Teño un piollo e próeme…, o bandullo!
Teño un piollo e próeme…, o cu!
Teño un piollo e próeme…, o xeonllo!

…E como non acertaches, unha chea de cóxegas gañaches!

As aventuras de Po: os sons dos animais

Os cans e as cadelas fan…
As gatas e os gatos fan…
As ovellas fan…
Os porcos e as porcas fan…
As vacas fan…
Os paxaron fan…
Os galos…
As galiñas fan…

Mimadriña!, cantos animais!

As aventuras de Po: cores e froitas

O polbo Po ensínanos, ao tempo, nomes de cores, nomes de froitas e números! Unha cereixa vermella, dous plátanos amarelos, tres peras verdes, catro peras verdes que por dentro son brancas, cinco laranxas laranxas, seis kiwis castaños, sete ameixas moradas, oito uvas negras… Que rico todo!

As aventuras de Po: xogo de dedos

Po vai para a cama ben contento coa canción que lle fixo Paco Nogueiras e tamén está preparado para cantar en todos os aniversarios. Que tal se probades tamén?

Vou para a cama!, por Paco Nogueiras


Pasei o día
na túa compañía
moitas cousas puiden facer.
Hai tempo para todo
mais chega a noite,
as estrelas van aparecer.

Foron moitas horas de emocións,
de contos, xogos e cancións,
pero mañá todo volve comezar.

Libros e debuxos que mirei,
mais chega a hora… ben o sei!
pero mañá todo volve comezar.

VOU PARA A CAMA, EU VOU DURMIR,
COLLO A ALMOFADA MOI PRETO DE MIN.

VOU PARA A CAMA, VOU DESCANSAR,
DENTRO DAS SABAS, AI! EU VOU SOÑAR!

VOU PARA A CAMA, EU VOU DURMIR,
COLLO O APEGO MOI PRETO DE MIN.

VOU PARA A CAMA, VOU DESCANSAR,
DENTRO DAS SABAS, AI! EU VOU SOÑAR!

Todo pasa axiña,
a tarde xa termina,
corre o día coma un tren.

A lúa chisca un ollo,
o sol di “Ata logo!”,
a xornada vai esmorecer.

Quedan tantas cousas por contar,
mais o anoitecer xa vai chegar,
pero mañá todo volve comezar.

Bailes e cancións por descubrir,
risas e recendos para min,
pero mañá todo volve comezar.

VOU PARA A CAMA, EU VOU DURMIR,
COLLO A ALMOFADA MOI PRETO DE MIN.

VOU PARA A CAMA, VOU DESCANSAR,
DENTRO DAS SABAS, AI! EU VOU SOÑAR!

VOU PARA A CAMA, EU VOU DURMIR,
COLLO O APEGO MOI PRETO DE MIN.

VOU PARA A CAMA, VOU DESCANSAR,
DENTRO DAS SABAS, AI! EU VOU SOÑAR!

“Vou para a cama”, por Paco Nogueiras

As aventuras de Po: canción de aniversario

Parabéns para ti / nesta data querida / moitas felicidades / moitos anos de vida! ♫ ♪ ♫ Hoxe é día de festa / cantan as nosas almas / para ti miña vida / unha salva de palmas! ♫ ♪ ♫

Po preséntanos algunhas creacións e artistas con moito xeito:

Cancións para o Apego. Magín Blanco: "Tambor..."

Contos para o Apego. Pablísimo: "Dez ratiños viaxeiros"

Cancións para o Apego. "Coas miñas mans" de Pablo Díaz

Cancións e debuxos para o Apego. "Ramona Órbita. A dona do tempo" de Pakolas e Laura Romero

Cancións para o Apego. Golfiños: "Bo día", "Adeus" e "Os días da semana"

Contos para o Apego. "Salvaxe" de Xarope Tulú

Poesía para o Apego. "Po e Xía" de Aldaolado

Cancións para o Apego. Mamá Cabra: "Cantiga de Nadal"

Contos para o Apego. Unha visita do Apalpador

E aquí podemos saber algo máis para vivir en galego con Apego:

Apego pola vida e pola lingua

Apego [www.apego.gal] vai dirixido a vós, ás familias que vos estades a preparar para a chegada dun novo membro e tamén ás que tedes nenos e nenas ata 6 anos. Queremos axudar á socialización en galego e propoñervos o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia, para asentar o arraigo a esta terra, porque a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura do voso fillo ou da vosa filla. A lingua de cada pobo é un tesouro irrepetible e tamén é a cerna que lle permite existir e descubrir o mundo. Únete a nós no Apego, porque cremos no noso futuro.

Únete ao Apego, pola lingua

Se na túa familia hai cativos e cativas de 0 a 6 anos, ou estades a agardar a chegada dun novo membro, o programa Apego é para ti, é para vós! :-) Queremos incentivar e axudar á socialización en galego da infancia e propoñer o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia, para asentar o arraigo a esta terra, porque a lingua na que aprendemos a falar vai ser base da identidade futura das nenas e dos nenos. Por iso Apego [www.apego.gal] vai dirixido a vós. A lingua de cada pobo é un tesouro irrepetible e tamén é a cerna que lle permite existir e descubrir o mundo. Únete ao Apego, porque cremos no noso futuro! Neste vídeo explicámosche como podes facelo…

Pin It on Pinterest

Share This