10 RAZÓNS
PARA FALARLLE GALEGO DESDE O PRINCIPIOSomos galegos e galegas. Galicia é a nosa terra e dicímolo con orgullo. Tamén sentimos orgullo das nosas praias e da nosa paisaxe, das nosas rías, dos soutos, das fragas e das carballeiras; da nosa música e das nosas festas; da nosa comida e dos nosos viños.
A nosa maneira de ser vén definida por todo isto e todo isto ten nome propio porque o galego é a nosa lingua; a lingua propia de Galicia. Perténcenos como pobo e estamos ben orgullosos dela. É única e irrepetible. Recibímola en herdo e en herdo correspóndenos deixala.
A chegada dun novo membro á familia é un momento de cambios; pode ser un bo momento para tentalo co galego. Non importa que nos sintamos raros ao principio falándolle galego ao bebé, porque todo cambio produce estrañeza; tamén os cambios no uso das linguas. Pouco a pouco o uso irase facendo moito máis fluído e, a cambio, os nosos fillos e as nosas fillas nunca terán que pasar pola estraña situación de dubidar da súa lingua.
A transmisión de nais e pais a fillos e fillas é chave para o futuro de calquera lingua.
Se ti falas, eles e elas falan. Vas ser un modelo a seguir para o teu fillo ou para a túa filla. Van ver o mundo a través dos teus ollos e van coñecelo a través da túa boca. O que lles fales, o que lles leas, o que lles cantes vai quedar prendido neles como pouso. Será coñecemento do que poderán tirar sempre que queiran.
O galego, como todas as linguas que non son artificiais, é un reflexo da historia enteira deste lugar do mundo. Garda a memoria dos pobos que pasaron por esta terra; das vitorias, das derrotas e das alianzas que nos foron definindo como pobo. A lingua é a nosa marca de identidade, a nosa creación colectiva. É o noso privilexio e o noso orgullo. Perténcenos e tamén lles pertence aos nosos fillos e ás nosas fillas.
Igual que acontece coas plantas, os tipos de comidas, a música e as paisaxes, a existencia de moitas linguas fai o mundo máis diverso, máis interesante. Está na nosa man contribuír ao mantemento desa diversidade mundial. Se acontecese un desastre que levase por diante a nosa lingua e mais a Catedral de Santiago, cal das dúas pensas que sería máis doado recuperar? Efectivamente, a Catedral poderíase volver levantar pedra a pedra, marca a marca. Un pequeno compromiso pola nosa parte terá repercusións globais.
Porque adquirir varias linguas nos primeiros anos significa ter máis facilidade no futuro para aprender as seguintes. O galego é unha ponte marabillosa para aprender de xeito máis doado portugués, italiano ou francés, por exemplo; pero, sabes que, o noso x de xeito, tan característico do galego, é un son que tamén ten o inglés? O galego non só axuda a aprender novas linguas; o desenvolvemento da área lingüística axuda tamén ao desenvolvemento do pensamento matemático, por exemplo.
A RAG define apego como “afección, inclinación, amor por algo ou alguén”. O apego á familia e ao contorno serán moi importantes para o desenvolvemento da identidade do teu fillo ou da túa filla, para a súa felicidade e, ao final, para a súa saúde. Da mesma maneira, para os galegos e galegas, o mantemento da nosa lingua contribúe a unha vida mellor.