ÚLTIMAS NOVAS

Outubro con Apego en Santiago de Compostela

Programación de outono no Espazo Apego. A proposta de actividades do mes de outubro no Espazo Apego ten xa os formularios de inscrición abertos.

Bota a andar a programación do Apego no outono en Pontevedra

Chega a canda o outono unha nova quenda de actividades do programa Apego, dirixidas a familias con crianzas de 0 e 6 anos. Desde o 1 de outubro e ata o 13 de decembro, estas poderán escoller entre distintas propostas que comparten dous obxectivos principais: facilitar recursos para activar a lingua desde o seo familiar e xerar espazos de socialización en galego. Toda a programación é de balde, mais cómpre inscribirse previamente, xa que a cabida é limitada. Á hora de adxudicar as prazas, terán preferencia as familias do concello de Pontevedra que formen parte do programa Apego. Para solicitar as actividades están activos dous formularios: un xeral para as actividades do Apego no outono e outro específico para as actividades Seres máxicos da nosa mitoloxía, que se desenvolven os sábados en horario de mañá.

Narón presenta a programación do Apego para este outono 2026

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta unha nova proposta de actividades dirixidas ás familias do programa Apego A programación deste outono de 2026 consta de catro sesións nas que teñen cabida contos, cancións, teatro, monicreques...

Rechouchíos con Apego de setembro e outubro en Moaña

Volven os Rechouchíos de outono a Moaña con actividades infantís de teatro, monicreques, música e moitos contos nas tardes dos venres ás 18 h en distintos espazos municipais desde o venres 18 de setembro ata o venres 23 de outubro. Non os deixedes pasar!

Ames presenta a programación con Apego do segundo semestre de 2026

O Concello de Ames presenta unha ampla e variada programación con Apego para a segunda metade de 2026. O obxectivo central de todas estas actividades é achegarlles recursos ás familias que faciliten a transmisión da lingua e favorezan unha crianza positiva e con moito apego polo noso.

Volta ao Espazo Apego de Santiago de Compostela!

Volta ao cole e tamén ao Espazo Apego! As vacacións acaban, pero comezamos un curso novo con moita ilusión. Xa sabedes que as actividades do Apego son un lugar de encontro para compartir as vivencias e as emocións e vivir novas experiencias a través da lingua galega, así que vos convidamos a vivir un setembro de reencontros no Espazo Apego. Benvidas e benvidos de novo!

As actividades do Apego en agosto: Contos no parque de Bonaval

Mantiña, merenda… con contos, cantos, monicreques.... As actividades do Apego saen fóra no mes de agosto e invítanvos a vir escoitar, participar e socializar en galego todos os martes ás 18 h no parque de Bonaval (plataforma dos arcos). O acceso é aberto e de balde.

Programación de xullo no Espazo Apego de Santiago de Compostela

Estamos no verán! Días longos e tempo de lecer: baños refrescantes no río, no mar ou na piscina, paseos polos parques do noso concello e unha chea de actividades no Espazo Apego.

VII Festa do Apego en Ames

Ames comeza o mes de xuño coa VII Festa do Apego, unha xornada aberta e chea de espectáculos, actividades e recursos lúdico-educativos para favorecer unha crianza positiva, creativa e en galego. Un espazo de encontro para familias, e tamén para docentes e outras persoas interesadas, no que o apego polo noso é protagonista.

Programación de xuño no Espazo Apego de Santiago de Compostela

Neste mes de san Xoán, emprendemos a recta final do curso escolar e dámoslle a benvida ao verán no Espazo Apego.

Apego

Apego vai dirixido a vós, ás familias que vos estades a preparar para a chegada dun novo membro e tamén ás que tedes nenos e nenas ata 6 anos. Queremos axudar á socialización en galego e propoñervos o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia, para asentar o arraigo a esta terra, porque a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura do voso fillo ou da vosa filla. A lingua de cada pobo é un tesouro irrepetible e tamén é a cerna que lle permite existir e descubrir o mundo. Únete a nós no Apego, porque cremos no noso futuro.

Programa colectivo

Apego é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial.

Aventura conxunta

Naceu por iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística e desenvólvese, de xeito cooperativo, entre os servizos de normalización dos concellos adheridos.

Nenos e nenas de 0 a 6 anos

Diríxese ao contexto familiar e social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida (0 a 6) para achegarlle argumentos e facilitarlle ferramentas e redes que sosteñan e arroupen a crianza en galego.

Apego, pola vida e pola lingua

Este é o lema deste proxecto no que os pais e nais, e os educadores en xeral, van atopar orgullo pola máis orixinal das nosas creacións e forza para preservala e transmitila.

Amor, arraigo, lingua, orgullo e identidade

Apego é empatía, vínculo, comunidade… Apego é apoio para a responsabilidade de construír o futuro desde a raíces e a lingua propia.

Comunidade Apego

Un espazo para compartir, para encontrar e encontrarse, aberto a calquera iniciativa que contribúa aos fins do proxecto.

SÚMATE Á COMUNIDADE!

Desde este espazo virtual e desde os servizos de normalización queremos facer máis doado o acceso á información e aos recursos dispoñibles. Algúns son creados especificamente para o proxecto Apego, como a caixa de benvida e o disco compilatorio, dirixidos á preparación da chegada dun neno ou nena á familia, ou os autoimprimibles ou audiovisuais que van acompañando moitas experiencias. Outros son froito da interrelación con proxectos de diversa orixe e que procuramos achegar aos seus destinatarios. Esta web quere ser un espazo para encontrar e encontrarse, aberto a iniciativas que contribúan aos fins do proxecto.

Veña, imos!

APEGO NUNHA CAIXA

Ides ter un bebé? Parabéns! Comezades unha nova e extraordinaria aventura chea de ledicia, cambios e emocións na que sentimentos como o amor, o apego e o arraigo serán piares fundamentais para que o voso pequecho ou a vosa pequecha medre feliz e se sinta querido/a e arroupado/a.
Este é o momento de decidir moitas cousas; xa sabedes en que lingua lle ides falar?

Un agasallo para ti

Para esas familias que queredes que a lingua galega forme parte da vosa vida, creamos o proxecto Apego. Se o vides coñecer, temos para vós, ou para ti, un agasallo de benvida con materiais e recursos moi útiles especialmente creados para este tempo de agarda e preparación.

Requisitos

Vivir nalgún dos concellos que manteñen o programa e pedir unha cita co servizo municipal de normalización lingüística. Na sección “Quen somos?” tedes todos os datos de contacto. Así de fácil!

Vínculo especial

Súmate a este proxecto colectivo para fortalecer o apego e o arraigo a través da lingua galega, a lingua propia de Galicia, a dos nosos país, avós…, a nosa. Ter un vínculo tan especial co voso fillo ou filla é a base para que medren como persoas seguras, honestas, estables e felices.

PRÓXIMAS ACTIVIDADES

Que estamos a facer agora? Descubre todas as actividades e accións formativas que deseñamos especialmente para ti.

ACTIVIDADES
Apego é un proxecto dos servizos de normalización lingüística dos seguintes concellos:

Pin It on Pinterest

Share This