O Concello de Ames organiza a IV Festa do Apego de Ames e convídanos a unha xornada de festa con contos, música, xogos e moitos máis recursos para gozar en familia coa e desde a lingua. Será o sábado, 6 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns desde as once da mañá ata as nove da noite. Haberá contos, xogos, música, monicreques, obradoiros, espazos de recursos e moitas máis actividades para pasar unha xornada de lecer divertida, produtiva e chea de apego polo noso. Ademais, as librarías do concello, Máinomen e Lenda, de Bertamiráns e Nenos Nais, do Milladoiro, colaborarán enchendo os seus escaparates cunha mostra de recursos infantís en galego. Nesta ligazón podedes ver toda a programación da festa: Cartel da IV Festa de Apego de Ames.
Nesta ocasión, a entrada para participar en todas as actividades da festa é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. Se as circunstancias meteorolóxicas impedisen a realización das ditas actividades en exterior, estas trasladaranse á Casa da Cultura de Bertamiráns.
A festa comezará ás 11.00 horas co espectáculo Triscus Beliscus, de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Un espectáculo que convida o público a xogar, contar, cantar e bailar con Xan, con Pedro, co can, co gato e co rato ata caer de cu… polo burato. Esta actividade está dirixida a crianzas de 0 a 3 anos.
Ás 12.00 horas chega, para as nenas e nenos de a partir de 3 anos, Contos para caghar patatillas de Brais das Hortas. Traerán a Ames música, clown e contos a partes iguais con instrumentos de refugallo creados en directo. Un espectáculo para morrer de medo… ou de risa!!
A mañá continúa ás 13.00 horas cun espectáculo para toda a familia: Caderno de cores e cancións, un concerto participativo no que Magín Blanco e Pablo Vidal convidan as crianzas a xogar cos elementos que compoñen as cancións (melodías, ritmos, rimas…) e a pasar un momento divertido e dinámico en familia.
Xarope Tulú abre a sesión da tarde, ás 17.00 horas, coa Lingoreteira, dirixida a crianzas de a partir de 3 anos. Contos, música e monicreques reúnense neste espectáculo para mostrarnos historias da tradición oral e homenaxear á lingoreteira que cada un de nós levamos dentro.
Ás 18.30 horas, directos do espazo, aterran no Pazo da Peregrina Pakolas e Laura Romero. Co seu espectáculo para toda a familia, mesturarán cores e debuxos con contos e música rock que farán que non nos deixemos de mover e cantar ao ritmo da súa guitarra eléctrica.
A IV Festa do Apego péchase ás 20.00 horas coa actuación da Gramola Gominola que nos presenta a unha superheroína: a lingua. Da súa man cantaremos, bailaremos, xogaremos… e viviremos mil e unha aventuras con ritmos diversos e actuais.
Actividades permanentes durante toda a xornada
Ao longo de todo o día haberá catro actividades que estarán de xeito permanente, en horario de 11.00 a 13.00 e de 16.30 a 20.00 horas, no Pazo da Peregrina.
Espazo do Apego, con información sobre o programa Apego e os recursos que pon a dispor das familias.
Espazo de Recursos, no que haberá unha ampla mostra de materiais para facilitar a crianza en galego (contos, música, audiovisual, xogos…) e asesoramento ás familias interesadas.
Espazo de Xogos de mesa, con xogos de mesa en galego para todas as idades deseñados e creados por Brazolinda a disposición das persoas asistentes.
Espazo de Xogo libre “Terra” de Miudiño, un espazo de xogo con material natural non estruturado con múltiples posibilidades para fomentar o xogo libre e a creatividade das crianzas.
Obradoiro de tatuaxes e chapas con Apego
Como novidade, entre as 17:00 e as 20:00 horas desenvolverase un taller de tatuaxes e chapas con Apego, a cargo de Eduvía, para que os nenos e nenas que o desexen poidan elaborar tatuaxes temporais e levar un agasallo en forma de chapa da Festa do Apego.
Colaboración das librarías
As librarías amesás, Lenda e Máinomen, de Bertamiráns, e Nenos Nais, do Milladoiro, colaboran coa festa. Durante toda a semana, do 2 ao 6 de maio, equiparán os seus escaparates con mostras de recursos infantís en lingua galega, entre os que se poderán atopar as últimas novidades.