O Concello de Ames ten preparada unha a variada programación infantil, organizada polos diferentes departamentos municipais, para os vindeiros meses de outubro, novembro e decembro. 

Dentro do programa  hai distintas actividades, cuxa organización corresponde aos diferentes departamentos municipais que traballaron conxuntamente para a elaboración da programación infantil deste outono. 

folleto-apego-ames-outono-2017-web

En outubro, os luns teñen tardes de contos e os sábados ciencia divertida

Os luns 9 e 23 na Casa da Cultura do Milladoiro e os luns 16 e 30 no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18.00 h, as familias con crianzas de 0 a 6 anos teñen a oportunidade de participar nas Tardes de Contos. Un espazo para achegármonos a contos que, ademais de facernos gozar e aprender, nos faciliten tarefas da vida cotiá coas crianzas (afrontar despedidas ou benvidas, deixar o cueiro, ir á escola, fomentar unha hixiene e unha alimentación saudable…). Con esta actividade preténdese tamén ir creando club familiar de contos con Apego.

No mes de outubro comeza tamén a Ciencia Divertida, unha serie de obradoiros que se desenvolverán na Aula da Natureza ás 16.30 h os sábados 7 e 14 de outubro, 4 e 11 de novembro e 2 de decembro para rapazas/es de 6 a 14 anos, e o sábado día 28 de outubro, haberá unha sesión especial para nenos e nenas dos 3 aos 6 anos, ás 11.30 h na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Dentro da programación tamén se inclúen as sesións de Contacontos na biblioteca, que, con diferentes temáticas, se desenvolverán nos meses de outubro, novembro e decembro nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns. A entrada a esta actividade é libre e de balde. Todas as sesións se iniciarán ás 18.00 h.

A programación para o mes de outubro pecha co Obradoiro Alí de recursos para a educación infantil, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o sábado 21 das 10.00 h ás 14.00 h. Diríxese a profesionais da educación infantil  de 0 a 6 anos do Concello de Ames interesados en recursos e ferramentas modernas que faciliten e melloren o seu labor diario nas ailas.

Foliada con Apego e poesía

O mes de novembro comeza con alegría grazas á Foliada con Apego, un encontro para coñecerse, bailar, compartir e, se é o caso, tocar instrumentos tradicionais. Será o venres 3 ás 18.00 h no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Está aberto as familia con nenos e nenas sen límite de idade. O prazo para inscribirse comeza o 23 de outubro e remata o 2 de novembro.

O sábado, 11 de novembro, nunha primeira sesión ás 11.00 h e nunha segunda ás 12.00 h, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro o obradoiro poético Poesía para tirar o medo, onde a escritora María Canosa achegará fórmulas coas que superar os medos dos e das cativas que asistan á actividade. O prazo de inscrición é do 2 ao 10 de novembro.

Para o venres 24 na Casa da Cultura do Milladoiro, organízanse dúas sesións, unha ás 18.00 h e outra ás 19.00 h, do obradoiro Prende no colo, para iniciar ás crianzas no ritmo e na melodía. A inscrición está aberta do 13 ao 23 de novembro.

A última das actividades previstas para o mes de novembro terá lugar o xoves, 30 de novembro, ás 18.00 h no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Consiste nunha charla-obradoiro onde se tratarán cuestións relacionadas coa comunicación das crianzas e a adquisición da linguaxe.  Fálame moito e ben está dirixida persoas adultas que estean agardando ou que teñen un neno ou nena de 0 a 6 anos. O prazo para inscribirse está aberto do 20 ao 28 de novembro.

Espectáculos musicais

Despedimos o programa no mes de decembro con tres espectáculos musicais. Pablo Díaz e Olga Krik achegaranse á Casa da Cultura do Milladoiro o martes 26 ás 17.00 h, para presentarlles ás familias con nenos e nenas dos 4 aos 11 anos Canta Música!, un espectáculo para bailar, xogar e cantar no que os e as asistentes participarán de forma activa. O prazo de inscrición está aberto do 18 ao 22 de decembro.

O mércores día 27 de decembro ás 17.00 h e ás 18.00 h, na Casa da Cultura de Bertamiráns, as familias con nenos e nenas dos 0 aos 4 anos poden gozar con Percubebé, un espectáculo musical no que descubrir o mundo das percusións e da arpa, onde xogar cos diferentes timbres dos instrumentos , cantos, bailes e danzas. A inscrición abre o día 18 e pecha o 22 de decembro.

O paxaro amigo. Músicas para a paz estará na Casa da Cultura do Milladoiro ás 17.00 h. Carmen Gil e Mamá Cabra únense para contar e cantar unha divertida historia de Discordia, a bruxa que é feliz destruíndo a paz.

Pin It on Pinterest

Share This