portada-folleto-xuno-2020

Paseniño van volvendo as actividades do Apego e nós encantadas… Seguro que algunha vez vos tedes preguntado onde vivirá o polbiño Po. E se cadra pensastes que como é un polbo vive no mar, non si? Pois, sabedes que? O noso Po non vive no mar! Vive nunha casiña moi preto da vosa onde se respira alegría e amor. Un fogar para todas vós, que vivides a vida e a lingua con moito Apego. Benvidas!

Este mes animámosvos a representar a casiña de Po seguindo as instrucións que vos detallamos no folleto. Seguro que vos presta!

Tamén vos propoñemos unha serie de actividades para comezar a movernos polo Espazo Apego que habita Po con total confianza e gozando de contos, música, xogos, charlas para familias… Mirade, mirade!

Descubro a lingua creando. Un primeiro achegamento á lingua de xeito lúdico para nenas e nenos maiores de 3 anos a cargo das persoas asistentes ao curso de acollemento lingüístico que se desenvolve de forma paralela (espazo de conciliación). Os luns de 17 a 19 h, durante a duración do curso.

Tardes de contos (para crianzas de 0 a 3 anos). Os martes laborables a partir do 9 de xuño de 17 a 18.30 h (o acceso ao espazo comezará a partir das 16.30 h). Contos lidos, contos musicais, avoas que contan, visitas de autores, construción de poemas, dramatizacións… un tempo no que achegarse á literatura oral e escrita!

A familia vai á escoliña! (para nais, pais ou persoas encargadas da crianza ata os 6 anos). Os mércores laborables a partir do 3 de xuño. Charlas e obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza:

  • 10 de xuño. “Seguridade viaria: a contramarcha” con Gaia Ecocrianza. Para familias que agardan un bebé e con crianzas de entre 0-5 anos ás 17 h. Charla na que se falará sobre sistemas de retención infantil.
  • 17 de xuño. “Obradoiro de coleo” con Gaia Ecocrianza. Para familias que agardan un bebé e con crianzas entre 0 e 5 anos ás 16.45 e ás 18.40 h (dúas sesións). Charla-obradoiro sobre os beneficios de colear.

Enredando (para crianzas de 2 a 6 anos e só para cubrir a conciliación da charla que se desenvolve de forma paralela no caso de que as persoas asistentes o precisaren). Os mércores laborables a partir do 10 de xuño. Espazo de entretemento activo en que se promove a socialización e a expresión verbal, xestual, corporal… manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes…

Os xoves función! (para crianzas ata os 6 anos). Os xoves laborables alternos a partir do 4 de xuño. Representacións teatrais, musicais, contacontos, sensoriais… guiadas por artistas especializados.

  • 4 de xuño. “Carabuñas” con Susana Penabad Ramos (para maiores de 3 anos). Ás 18 h. Conto tradicional que achega a historia de Carabuñas e onde se elaborará unha manualidade final.
  • 11 de xuño. “Saaabor!” con Félix Rodríguez e Fran Rei (para maiores de 3 anos). Ás 18 h. Espectáculo cómico con música e maxia.
  • 25 de xuño. “O conto de Barriga Verde” con Fran Rei (para maiores de 3 anos). Ás 16.45 e ás 18.40 h (dúas sesións). Contos elaborados a partir de textos de Manuel María e co personaxe principal de Barriga Verde.

Enredando (para crianzas de 3 a 6 anos). Os xoves laborables alternos en que non haxa función a partir do 18 de xuño e de 17 a 18.30 h. Espazo de entretemento activo en que se promove a socialización e a expresión verbal, xestual, corporal… manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes…

Xogos de palabras (para crianzas de 3 a 6 anos). Os venres laborables a partir do 5 de xuño de 17 a 18.30 h. Xogar coa palabra falada e cantada para entreterse é un costume moi arraigado na crianza tradicional. Coñecer a contorna a través das palabras e aprender a relacionarse vén en parte dado por estes xogos.

E… unhas últimas notas para podermos gozar de toda esta actividade que recomeza!

Para poder cumprir as normas de distanciamento todas as actividades terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa en dlg@santiagodecompostela.gal (nome completo, idade de cada unha das persoas asistentes e teléfono de contacto). O prazo de inscrición en cada actividade abrirá unha semana antes (ás 00 h do día correspondente da semana anterior).

Para poder seguir as normas de hixienización o acceso ao espazo comezará arredor de vinte minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades entrarase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos). Será obrigatorio o uso de máscara.

Toda a información en:

apego.santiagodecompostela.gal

 

 

Pin It on Pinterest

Share This