Un mes máis temos unha proposta para saír fóra e socializar coa programación de actividades infantís en galego do Concello de Santiago.

Cada mes, o folleto do Apego achega ás casas de todas as familias intersadas o calendario de actividades na nosa lingua que o Concello programa para os máis pequenos e pequenas.

Nesta ocasión teremos a Andrea Bayer, con Canta Roque canta!, ou a Pavís Pavós contando para bebés, dentro das actividades do Departamento de Lingua.

Tamén é o mes do programa de animación á lectura do Departamento de Educación, que nos trae Do berce á lúa, aberto a quen se queira anotar.

E complétase cunha proposta de Cultura: Gaia, un espectáclo que xunta a pintura a música, o audiovisual e a danza para descubrir os tesouros naturais do noso planeta.

A información necesaria para acudir a cada unha destas actividades podedes atopala no folleto mensual que se distribúe pola cidade, na axenda desta páxina e tamén en apego.santiagodecompostela.gal

Xunto co calendario facemos sempre unha proposta que vos leve a coñecer algún dos recursos con que conta Compostela. Este mes invitámosvos a aproveitar o patrimonio lúdico gravado na pedra: xogar con algún dos taboleiros de Nai, fill@, pai que hai pola cidade.

 

 

Pin It on Pinterest

Share This