Esta semana empezan en Pontevedra os obradoiros do programa Apego previstos para este outono. A oferta de actividades organizada polo Concello de Pontevedra desenvolverase en outubro e novembro e abrangue sete sesións de obradoiros prácticos. Debido a este carácter práctico e participativo as prazas son moi limitadas, como máximo para 25 familias. Pódese enviar a solicitude de praza a través do formulario web: http://www.pontevedra.gal/apego/

As actividades do programa Apego están dirixidas ás nais e aos pais, para que coñezan e aprendan distintos recursos que lles axunden a mellorar a cantidade e a calidade da lingua que usan coas nenas e cos nenos da casa. Os contidos dos obradoiros abranguen xogos e xoguetes para estimular as habilidades dos máis pequenos, cancións e poesías para aprender e practicar en familia, faladoiros sobre a crianza e os contidos de igualdade das historias tradicionais.

A programación en Pontevedra é a seguinte:

Obradoiro de xogos e xoguetes, con Brazolinda; dirixido a familias con nenas e nenos de 3 a 6 anos. Xoves 19 de outubro, de 17 a 19 horas. O xogo é fundamental para aprender, socializar, imitar a realidade e desenvolver a creatividade, a intelixencia e as competencias lingüísticas. Brazolinda falará da importancia do xogo e presentará xogos artesanais desenvoltos desde a lingua galega e ensinará como aproveitalos en familia.

Orella pendella, con Bea Campos e Davide González, de Migallas Teatro; dirixido a familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos. Sábado 28 de outubro:

Primeira sesión de 11 a 11.45 horas

Segunda sesión de 12.15 a 13 horas

Estas sesións de narración oral teñen comno obxectivo aprender e practicar os ditos infantís de sempre e con cancións tradicionais acompañadas de música en directo.

A poesía é un xogo, con Fedellas: Tamara Andrés e Susana Cerviño; dirixido a familias con nenas e nenos de 3 a 6 anos. Sábado 4 de novembro, de 12 a 12.50 horas. A poesía está nas cancións e nos contos infantís, xa que a sonoridade da lingua é un recurso moi valioso para o desenvolvemento da linguaxe. Esta sesión achega a poesía dun xeito lúdico e dá a coñecer recursos para aprender a aproveitala como xogo en familia.

Faladoiro de crianza e bebeteca Montessori, con Sara Pena de Rachachán; dirixido a familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos. Xoves 9 de novembro, de 17.30 a 19 horas. A conversa guisda terá como eixo central a crianza nos primeiros anos de vida e actividades Montessori que se poden desenvolver no fogar, coa preparación de espazos para a crianza. Na mesma sala haberá materiais Montessori para que xoguen os bebés.

Contos pequeniños, con Cris de Caldas; dirixido a familias con nenas e nenos de 1 a 3 anos. Xoves 16 de novembro, de 18.15 a 18.50 horas. Cantos e contos para compartir, explorar e recordar en familia. A través de xogos de man, recursos tradicionais e visuais as familias participantes achegaranse á riqueza da oralidade para xogar coas máis pequerrechas e cos máis pequerrechos da casa.

Contos, contiños para medrar todos xuntiños, con Cris de Caldas; dirixido a familias con nenas e nenos de 2 a 6 anos. Venres, 24 de novembro, de 18.00 a 19.10 horas. Inclúe: unha sesión de contos, con historias que transmiten valores de igualdade e rachan estereotipos machistas e clasistas. Un pequeno obradoiro para realizar unha manualidade creativa en familia. Unha pequena exposición de libros infantís cunha charla informativa sobre os libros expostos, sobre o valor da lectura en voz alta e con consellos básicos para lerlles ás nenas e aos nenos; asesoramento sobre lecturas para compartir que transmitan igualdade, reparto equitativo de roles sociais e novos modelos de familia.

Todos os obradoiros organizados polo Concello de Pontevedra serán na sala Bolechas da Casa da Luz. Os obradoiros son de balde, requiren inscrición previa e confirmación de praza.

O programa Apego ten como obxectivo fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que é fundamental o ámbito familiar. Para isto, desenvólvense materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e para nenos e nenas. Apego é un programa colectivo; Pontevedra é un dos doce concellos que puxeron en marcha o programa no ano 2015, aínda que neste momento xa son trinta os concellos que desenvolven o programa.

A necesidade e a forza deste programa estase a recoñecer publicamente con varios premios: ademais do Premio Rosalía de Castro de Lingua 2017, que concede a Deputación da Coruña, estes días vén de anunciarse que o Premio da Cultura Galega 2017 na modalidade de lingua tamén é para o programa Apego.

Pin It on Pinterest

Share This