O Concello de Ames organiza a V Festa do Apego de Ames e convídanos a unha xornada de festa con maxia, contos con música, concertos, xogos e moitos máis recursos e actividades para gozar en familia coa e desde a lingua. Será o sábado, 25 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns desde as once da mañá ata as nove da noite. Haberá maxia, contos con música, xogos, concertos, teatro de monicreques, obradoiros, espazos de xogo, espazos de creatividade e espazos de recursos. Todo isto e moito máis para achegarlles ás familias recursos lúdicos e formativos que favorezan unha crianza positiva, creativa e en galego. Nesta ligazón podedes ver toda a programación da festa: Cartel da V Festa de Apego de Ames.
A entrada para participar en todas as actividades da festa é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. Se as circunstancias meteorolóxicas impedisen a realización das ditas actividades en exterior, estas trasladaranse á Casa da Cultura de Bertamiráns e á praza de Chavián.
A festa comezará ás 11.00 horas con Carapuchiña e os 5 lobiños, de Ángeles Goás e Cristina Castro. Un espectáculo no que a protagonista é unha Carapuchiña Vermella que vive unha aventura diferente. No seu camiño, a falta dun lobo, hai 5 lobiños que lle caben na súa cesta. Esta actividade está dirixida a crianzas de 0 a 3 anos. A combinación da narración de Ángeles Goás e a música de Cristina Castro, creará un ambiente no que os máis pequenos da casa estarán entretidos e gozarán coa familia e os máis grandes poderemos aprender xeitos novos de contar historias.
Ás 12.00 horas, para as nenas e nenos de a partir de 3 anos, chega O Mago Paco co seu espectáculo de maxia participativa Hocus Pocus. Unha actividade chea xogos máxicos e sorpresas que deixará coa boca aberta a xente grande e miúda. O Mago Paco, Fran Otero, é especialista en maxia infantil e familiar e os seus espectáculos caracterízanse por unha mestura de maxia con varias artes escénicas. En todos eles prima a fantasía, o humor e a participación do público de xeito que, malia a estaren pensados para crianzas, fan gozar a toda a familia.
A xornada de mañá remata ás 13.00 horas co concerto de Golfiños, un grupo musical que pretende chegar ao corazón das familias con ritmos e melodías moi diversas que beben de todos os estilos musicais. Traen á festa do Apego o seu último espectáculo, Silforiña, no que as cordas dunha guitarra e dun ukelele e as teclas dun piano se converten na alfombra máxica que transporta a voz de Elena Paz a un mundo de aventuras únicas, coas que bailar, cantar e brincar no mundo das emocións.
Títeres Babaluva abre a sesión da tarde, ás 17.00 horas, coa Filla do Cacharulo, unha peza teatral con música en directo dirixida a crianzas de a partir de 3 anos. Nesta proposta coñeceremos sardiñas, rodaballos, caranguexos, troitas e outros peixes que a través das mans e da voz de Mirari Urruzola e do piano de Merran Laginestra nos animan a camiñar cara a un mundo máis xusto, equitativo e sostible.
Ás 18.30 horas, chega Marta Ortiz co seu espectáculo Tralará, no que xunta contos, cantigas e obxectos. Con Ortiz aprenderemos cancións, contos rimados e trabalinguas, para xogar coa lingua; contos acumulativos e encadeados, para sentir o ritmo dos versos e das sílabas; cancións de mans e contos con lingua de signos, para afondar na xestualidade de forma divertida e participativa. En definitiva, contos de antes e de agora, cun pé para adiante e outro para atrás, bailando entre a tradición e a actualidade. Tralará xoga co ritmo que emana do propio contar e da lingua.
A V Festa do Apego péchase ás 20.00 horas cun concertazo para todas as idades a cargo do grupo de música infantil Oviravai. Nel cantaremos e bailaremos ao ritmo dos temas do seu último traballo Paio e o poder da música, con cancións que nos sensibilizan co acoso escolar, coa igualdade ou co coidado do medio. Oviravai é unha compañía galega, dedicada ao desenvolvemento de contidos educativos e culturais para público infantil e familiar, que se define a si mesma como unha fábrica de soños. Soños que mediante personaxes como o Teixugo Paio, o Oso Aurelio, ou a Moucha Anacleta, entre outros, converten en realidade a través da música, os espectáculos e os libros..
Actividades permanentes abertas durante toda a xornada
Ao longo de todo o día haberá actividades que estarán abertas de xeito permanente, en horario de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 20.00 horas, no patio do Pazo da Peregrina. A través delas achegarase asesoramento personalizado ás familias sobre recursos lúdicos e formativos que poden ser útiles durante a crianza. Estas actividades son tamén espazos nos que as nenas e os nenos terán ao seu dispor xogos de mesa, materiais naturais non estruturados para promover a creatividade e o xogo libre, unha ampla variedade de obras infantís para mergullarse na lectura compartida, un obradoiro de creación de personaxes con pasta de papel e outro obradoiro de tatuaxes e chapas con Apego para que todas e todos leven un agasallo da Festa do Apego.
Nestes espazos permanentes contaremos con Cris de Caldas, Pedras de Papel, Miudiño, Brazolinda e persoal do propio Servizo de Normalización Lingüística amesá para achegarnos ao programa Apego.
Así, no espazo de Recursos a biblioteca de Cris de Caldas, poderemos coñecer unha ampla mostra de materiais para facilitar a crianza en galego (contos, música, audiovisual, xogos…) e a propia Cris de Caldas, especialista na divulgación de recursos infantís en galego, ofrecerá asesoramento ás familias interesadas.
No espazo de Xogos de mesa, estarán a disposición das persoas asistentes atractivos e didácticos xogos de mesa para todas as idades deseñados e creados por Brazolinda.
O espazo de Xogo libre “Terra” de Miudiño, disporá de material natural non estruturado con múltiples posibilidades para fomentar o xogo libre e a creatividade das crianzas.
No espazo creativo “A galiña dos ovos de conto” de Pedras de Papel, poderemos participar nun obradoiro aberto que combina a creación de contos e plástica mediante a elaboración de personaxes con pasta de papel.
O espazo Apego, ofrecerá información sobre o programa Apego e os recursos que pon a dispor das familias, e un obradoiro de tatuaxes e chapas con Apego para que os nenos e as nenas que o desexen poidan elaborar tatuaxes temporais e levar un agasallo en forma de chapa da Festa do Apego.