oleiros NADAL 16.inddO programa Apego chega cargado de actividades neste mes de decembro para as familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos no Concello de Oleiros. Os tres espectáculos, organizados polo Servizo de Normalización Lingüística, desenvolveranse os domingos na Fábrica, son gratuítos e xa se pode reservar a praza chamando ao 981 610 000 ou mandando un correo a lingua@oleiros.org.

O vindeiro domingo 4 de decembro, ás 12.00 horas, Migallas Teatro presenta Entre arrolos e contiños. Unha actividade na que os nenos e nenas compartirán coas persoas que os coidan e os educan un momento de pracer, lonxe do ruído e os quefaceres cotiáns; espertando xa nos seus primeiros anos de vida un interese pola literatura, a música e a tradición oral. A duración é de 30 minutos, está recomendado para bebés de 0 a 3 anos e poderán participar ata 30 nenos e nenas con dous acompañantes.

O domingo 11 de decembro, ás 18.00 horas, As Maimiñas chegan ao municipio co concerto Unha viaxe polo mundo. A través deste concerto os nenos e nenas cantarán, divertiranse e coñecerán cancións e danzas típicas de distintos países. Este concerto está recomendado para nenos e nenas ata 10 anos, aínda que a actividade é gratuíta haberá que recoller a entrada desde as 17.00 horas na Fábrica ou inscribirse nos días previos e quedan reservadas as invitacións ata 5 minutos antes do espectáculo.

E esta programación remata o 18 de decembro, ás 12.00 horas, co obradoiro para pais e nais con crianzas de 0 a 3 anos, Prende no colo, de Luis Prego. Quen achegará cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas pensadas para iniciar os nenos e nenas na linguaxe, no ritmo e na melodía a partir de temas tradicionais galegos.

Consulta o programa apego-nadal-16.

Pin It on Pinterest

Share This