En Teo damos un paso máis e con esta nova idea para vincular aos máis pequenos/as co seu territorio. O Bosque Apego terá unha continuidade no tempo, xa que, cada familia que teña unha nova crianza no Concello e que desexe formar parte deste programa, deberá concertar unha breve entrevista co Servizo de Normalización Lingüística na que, ademais de explicar os contidos do programa Apego e de entregar os materiais de benvida deste, se lle agasallará co apadriñamento dunha árbore autóctona. Nese intre, as familias inscríbense na listaxe de interesadas en ser chamadas para a plantación da súa árbore neste novo espazo de encontro.

Esta plantación realizarase en dous momentos do ano, coincidindo coas épocas óptimas de plantación, a comezos da primavera e o outono. Ademais, cada árbore será identificada co nome da crianza que a plantou.

“Bosque Apego será un espazo de comunidade, situado nunha leira municipal no lugar de Nespereira, na parroquia de Luou, que se acondicionará para a plantación na que as árbores autóctonas e as crianzas serán as protagonistas, xa que cada familia e crianza terán alí plantada un anaquiño da súa identidade” explica a concelleira María López, impulsora desta idea.

Trátase dun proxecto que pretende vencellar o apego que cada persoa ten ao contorno natural, social e cultural no que vive, o cal está sempre interrelacionado co contorno lingüístico, para o cal o apego é tamén un sentimento necesario. Ademais será un espazo no que familias e crianzas teenses se relacionarán e terán sempre presente como propio, ao igual que ocorre co idioma.

A iniciativa forma parte do HabitaTeo, un programa de xestión dos espazos naturais do Concello que se recuperarán con criterios ecolóxicos e de conservación da natureza. O bosque formará parte desta rede, polo que será xestionado cos criterios de conservación deste programa.

No contorno, o Bosque Apego vai convivir con dúas rutas próximas: a ruta das Muiñeiras e unha senda peonil e ciclista que percorrerá o sur do municipio, o cal formará unha interesante simbiose, xa que as familias que vaian visitar “a súa árbore” ao bosque poderán realizar algún destes percorridos naturais e os sendeiristas serán sorprendidas na proximidade do camiño con este bosque.
folleto-bosque-apego-redes-01-01

folleto-bosque-apego-redes-01-02

Pin It on Pinterest

Share This