po_600

Estes días que estamos na casa son unha oportunidade de coñecer e profundar sobre os recursos que tedes na páxina do Apego…

Temos unha escolma de arrolos, recitados e xogos para as familias que están esperando a chegada do bebé, pero tamén para as familias que teñen nenas e nenos pequenos. Cada día podedes escoller un arrolo, un recitado ou un xogo diferente e descubrir se hai algún que non coñeciades! Na mesma páxina tedes clips de audio para escoitar as melodías. Seguro que atoparedes variacións entre as coplas que vós coñecedes e as que están na páxina, porque hai mil posibilidades e palabras!

Hai unha sección cos vídeos de Po, entre outros, onde podedes aprender desde as cores e as froitas ata as partes do corpo a través dun xogo, ou mesmo a canción do aniversario.

En Palabras para medrar atoparedes vocabulario escollido relacionado coa crianza, co proceso de medrar e con glosario para o día a día que seguro que atopades de interese. Estes días para pasar en casa esta sección pode ser moi interesante para chamar ás cousas polo seu nome, para contar contos e entender un pouco mellor o mundo que nos rodea… que saímos polo “embigo”, se o día está “solleiro” ou “nubrado”, as novas que poñen no “xornal” e moito máis!

Inda non é momento de xuntarnos coas amizades, pero ben podemos aproveitar para ver os descargables da sección de Modelos de convite, onde tedes uns recursos tanto para descargar como para copiar o texto que sempre dá preguiza escribir, e aquí podedes copialo directamente para preparar as festas que poderemos facer cando o virus marche!

Para nais, pais e demais familia tedes unha sección moi especial onde tedes información moi, moi interesante sobre a crianza, onde por exemplo comentamos puntos a ter en conta para tomar decisións importantes, como a escolla do nome, o idioma que lle imos falar ou quen vai coller o permiso. Tamén tedes indicacións sobre o desenvolvemento motor para saber un pouco mellor que tempo teñen os e as nenas no seu crecemento ou algúns consellos de crianza positiva.

A sección de descargas tedes unha chea de material deseñado especialmente para o Apego, tendo en conta o que consideramos que podedes usar vós, as familias e as persoas involucradas na crianza dos e das nenas. Tarxetas de rutina, o menú semanal para organizarse mellor, material sobre o tempo cronolóxico e meteorolóxico ou a nosa última novidade! Os bits!

Para rematar tedes unha chea de recursos a un clic, con ligazón a recursos externos do Apego de todo tipo: música, audiovisuais, contos etc.

Esperamos que estes recursos vos fagan máis levadeira a estadía na casa.

Pin It on Pinterest

Share This