No outono volven os Rechouchíos con actividades infantís de teatro, monicreques, música e moitos contos nas tardes dos venres ás 18 h en distintos espazos municipais desde o venres 18 de setembro ata o venres 23 de outubro. Os Rechouchíos teñen por obxectivo organizar de maneira estable actividades culturais relacionadas coa dinamización lectora e lingüística do público infantil e achegarlles recursos lúdicos, educativos e culturais ás familias encamiñados á socialización en galego das crianzas.

Neste novo ciclo contaremos con Babaluva Títeres, Migallas Teatro, Iván Davila, Alba de Vales, Cristina Collazo e Erea Mora que nos traerán música, monicreques, humor e moitos contos para espertar a imaxinación e compartir espazos de lecer nos que poderemos soñar e viaxar por vieiros que nos levarán a novas aventuras con apego.

As actividades do 2, 16 e 23 de outubro contarán con intérpretes en lingua de signos de XOGA (Organización de Diversidade Sensorial de Galicia), polo que nos días previos publicaremos no facebook os Signochíos: 4 ou 5 cinco palabras signadas que definen a actividade. En cada espectáculo signado, entregaremos unha tira coas palabras signadas para coleccionar no álbum dos Signochíos. Cada álbum que completedes terá premio que podedes recoller na biblioteca pública ou nas axencias de lectura.

Neste programa colaboran as concellarías de Normalización Lingüística, de Cultura, a través da Biblioteca Pública Municipal de Moaña, e de Igualdade.

Pin It on Pinterest

Share This