Canda as rutinas de setembro, volve a programación infantil con Apego do Concello de Ames. Nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro as familias poderán gozar dun feixe de actividades lúdicas e participativas que lles achegarán recursos para unha crianza positiva, natural e creativa. Pódese consultar o programa completo e a información detallada sobre cada actividade premendo nesta ligazón.

As propostas inclúen desde xogos, contos ou obradoiros ata espectáculos musicais e teatrais e foliadas, sen esquecer os contos na biblioteca e os festivais de maxia e de cinema miúdo que cubrirán o outono amesá de lingua, de fantasía e de ilusión.

Cé Orquestra Pantasma, Miudiño, Paco Nogueiras, Trinke Trinke Teatro, Laura Martínez Rey, Aboon Teatre, Bolanda, Baobab Teatro, Pablo Díaz e Olga Kirk, Marta Ortiz, a Asociación Antonio Gandoy e Anxo Moure coa Banda da Montaña acompañarannos durante os vindeiros meses para encher de apego, diversión e novos coñecementos as crianzas e as familias.

E… para que utilicedes entre proposta e proposta, deixámosvos un recitado para botar a sortes ou xogar cos dedos:

Paxariño, rechinchiño,

vaite esconder,

detrás da pía da tía Inés

que che toca a túa vez”…

Pin It on Pinterest

Share This