O Concello de Teo vén de sinalizar a primeira ruta Apego nun tramo de algo menos dun quilómetro que une Pontevea coa Burga de Xermeade, un espazo natural destacado do municipio teense. Trátase da primeira ruta Apego sinalizada en Galicia  e contará con audioguías explicativas pensadas para as crianzas. A particularidade desta ruta é que está pensada para familias con nenos/as de 0 a 6 anos, xa que este é o espírito deste programa.

Deste xeito, atopamonos cun percorrido perfectamente accesible para familias que se acheguen con carriño de bebé, con crianzas de pouca idade ou persoas en cadeiras de rodas. Ademais este tramo ten un escaso tráfico rodado polo que tamén cumpre coas condicións de seguridade axeitada para os/as máis pequenos/as da casa. A ruta está marcada con cinco postes informativos cun código QR nos que se poderá descargar unha audioguía explicativa do espazo natural no que nos atopamos.

Segundo nos explica María López, concelleira de Turismo “esta ruta xurde logo dun traballo de reflexión e colaboración entre as áreas de Turismo e de Lingua coa certeza de que cando somos capaces de contar cun espazo seguro para as crianzas temos un espazo seguro para o conxunto da sociedade”. A recuperación dos espazos, nomeadamente o espazo público e comunitario, para as familias así como para a mocidade, as persoas con necesidades especiais ou as maiores é unha obriga para as administracións. “Acadar espazos públicos seguros e accesibles é unha obriga e unha necesidade máis neste momento que vivimos como sociedade” explica María López.

A pandemia que estamos sufrindo nos últimos meses pon no centro do debate público a necesidade de dotarnos de espazos para un lecer seguro. “E Teo conta con enclaves naturais e tradicionais que debemos valorizar e poñer a disposición da veciñanza para o seu uso, desfrute e coidado” destaca a concelleira de Turismo.

Está prevista a expansión deste tipo de rutas a outras zonas do Concello, máximo nestes tempos da COVID onde debemos primar os espazos de lecer ao aire libre. As zonas elixidas e que van estar sinalizadas nos próximos días son a ruta das Muiñeiras, na parroquia de Luou, na cal xa, desde a área de Lingua se realizou unha ruta de busca das herbas de San Xoán que deu pé a unha publicación na que se poden coñecer os nomes cos que se nomean estas herbas, que pode descargarse aquí.

Por último, outra das rutas será a que una a carballeira de Francos coa ponte de Paradela, a cal será a protagonista durante o mes de decembro, xa que o Apalpador vai visitar esta zona.

Outros concellos foron pioneiros na creación de rutas de Apego, como é o caso de Rianxo, e a través deste proxecto estanse a crear moitos espazos naturais accesibles para familias e conseguindo a súa divulgación.
ruta-apego

Pin It on Pinterest

Share This