imaxe-primaver-apego-carballo-2017Apego é un proxecto de dinamización lingüística desde a primeira infancia desenvolvido cooperativamente por diversos concellos, nun principio 12, aos que o ano pasado se sumaron 11 máis e neste ano outros 7, polos que somos agora xa 30, de todos os tamaños, condicións, cores políticas, etc., entre os que están as sete cidades e que supoñen xa, entre os 30, a metade da poboación de Galicia.

O obxectivo principal é implicar as familias con nenos e nenas de ata 6 anos na valoración positiva da lingua propia para, así, facilitar que adquiran o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual, facilitándolles argumentos, recursos e espazos de socialización

En Carballo forman parte formalmente do programa xa máis de 150 familias, e no conxunto dos concellos máis de 2.000. Familias que recibiron a caixa de benvida cunha mantiña-boneco-apego, un libro de recomendacións para a crianza, un álbum de primeiras experiencias, un disco cunha selección de música infantil en galego e diversos materiais, e que reciben información periódica do programa, actividades, recursos, etc.

Ademais, no marco do proxecto estanse a facer e distribuír diversos materiais virtuais, como cancións, a serie de vídeos do polbo Po, etc.

Con respecto ás actividades, todas teñen unha gran demanda, o que nos anima a seguir ofrecendo máis, como as que presentamos aquí.

O que intentamos facer é agrupar nun único programa todas as actividades infantís en galego que se organizan desde diferentes departamentos do Concello, neste caso desde a Biblioteca, desde o Departamento de Cultura e desde o Servizo de Normalización Lingüística, e nos próximos meses incluiranse tamén doutros departamentos, para que deste xeito o programa Apego sexa o programa infantil do conxunto do Concello.

[Descarga aquí o programa de Primavera 2017 de Apego en Carballo]

 

ABRIL ENTRE LIBROS CON MAXIA E CONTACONTOS

Así, en ABRIL terá lugar a última sesión do programa de contacontos de Trinke Trinke na Biblioteca, con “Os ratiños da caixa”, o vindeiro mércores 19.

Ese mesmo día, no marco dos actos polo día do libro na Biblioteca terá lugar a presentación de “Sacar a lingua é de mala educación”, de Manuel Núñez Singala, e dous días despois, tamén na Biblioteca Rego da Balsa, os Contos no bus do Mago Antón.

A seguinte semana desenvolverase no Pazo da Cultura a Semana do Libro e a Lectura, que se presentará proximamente, pero na que xa podemos adiantar que haberá sesións de contacontos abertas ao público infantil todos os días ás 6 e media da tarde, e nas que participarán: Daboapipa, Ghazafelhos, Soledad Felloza, Andrea Bayer e o Mago Marco.

 

MAIO, MES DA LINGUA…, E DA MÚSICA, CONTOS E MÉTODOS EDUCATIVOS

Xa en MAIO terá lugar unha actividade para bebés de 0 a 3 anos, Percubebé, un obradoiro-espectáculo con música de arpa e percusión para o desenvolvemento da psicomotricidade. Terá lugar no Pazo da Cultura o día 4.

O día 11 de maio na Biblioteca desenvolverase o contacontos Filipa cos contos e o 16 O mundo de Carliños, os dous arredor da figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas, Carlos Casares.

O xoves 16 de maio no Auditorio do Pazo da Cultura será a vez dunha das actividades centrais deste programa, o concerto infantil de Sérgio Tannus, músico brasilego (brasileiro e galego) e a súa banda, a partir do disco Alegría, cunha chea de ritmos e letras divertidas para nenas e nenos.

Tamén haberá un obradoiro sobre o método educativo Montessori, que terá lugar na Biblioteca o 22 de maio, dirixidoa nais e pais, a cargo de Giovanna Pose, de Aura Carballo.

 

XUÑO, TEATRO, CANCIÓNS E RECITADOS INFANTÍS

Xa para XUÑO podemos adiantar unha representación infantil da Aula de Teatro Municipal, A bonitísima historia da princesa Mari Carme, da que terán lugar dúas funcións os días 3 e 4 no Pazo da Cultura.

E rematará este programa de actividades de Apego na primavera o día 7 de xuño co obradoiro para nais e pais e bebés Orella Pendella, no que se aprenderán e practicarán cancións e recitados infantís con Migallas Teatro.

 

En definitiva, unha chea de actividades e espazos de animación, aprendizaxe, descubrimento e socialización nos que convidamos a participar a todas as familias de Carballo con bebés e nenas e nenos pequenos e a través das cales se pode transmitir a lingua con apego.

Ademais, animamos tamén a todas aquelas persoas que están a agardar un bebé a que pasen polo Servizo de Normalización Lingüística, no Pazo da Cultura (981 704 304; nelvidal@carballo.gal), para inscribirse no proxecto Apego e para recibir, ademais de información, tamén a caixiña cos materiais de benvida ao mundo.

 

[Descarga aquí o programa de Primavera 2017 de Apego en Carballo]

Pin It on Pinterest

Share This