Canda a primavera chega a Pontevedra unha nova quenda de actividades do Apego para arroupar a crianza en galego. Toda a programación, que se estende desde o 10 de abril ata o 14 de xuño, é de balde, mais cómpre inscribirse previamente, xa que a cabida é limitada. Existen dous formularios de inscrición dispoñibles: un para as actividades do Apego na primavera e outro específico para as sesións de Seres máxicos da nosa mitoloxía. Á hora de adxudicar as prazas, terán preferencia as familias do concello de Pontevedra que formen parte do programa. As familias do concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumarse aquí.

Apego na primavera

A música será o elemento vertebrador das actividades dirixidas a familias con bebés de 0 a 3 anos, que estarán guiadas e acompañadas por distintas asociacións e profesionais: Alma Blanco ofrecerá un obradoiro para aprender unha rutina de masaxe para bebés acompañada de arrolos e xogos de tacto; a Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy e Cé Orquestra Pantasma participarán na programación con dúas propostas de estimulación sonora para achegaren as familias a distintas cantigas, enredos e xogos, e nas que os bebés terán tempo para experimentaren con distintos materiais sonoros; Pablo Díaz, pola súa banda, propón unha viaxe a través dos contos, coa música como fío condutor dunha sesión na que as familias participarán axudando a entoar melodías e retrousos dos seus temas máis coñecidos; e Sonsoles Penadique, acompañada polo pianista Andrés Martínez, estreará no Apego de Pontevedra a actividade Peixe valente, que combina música, poesía, narración e movemento corporal.

As familias con crianzas máis maiores poderán gozar tamén dunha ampla oferta de actividades: María e Carme da Pontragha guiarán unha sesión de contos, música e baile centrada na herdanza de todas as mulleres transmisoras da nosa tradición oral e popular; Alouette Machine impartirá un obradoiro creativo que convida a xogar coas palabras e a coñecer o marabilloso mundo das aves que nos rodean a través da súa imprenta ambulante; e na Verbateca de Mekané desenvolveranse distintos xogos e probas que haberá que superar para conseguir un tesouro de palabras fermosas.

É novidade na programación a actividade de Ioga en familia, deseñada especialmente para o Apego de Pontevedra por unha das familias que forman parte do programa: Myriam Viéitez e Daniel Galiñanes, que guiarán unha práctica lúdica de ioga en familia onde establecer conexións a través do movemento, a respiración e o contacto, e que permitirá ao tempo traballar o léxico relacionado coas partes do corpo. Ademais, a unión entre lingua, corpo e movemento será tamén un dos fíos condutores da actividade Danzando na primavera, impartida por Laura Martínez e orientada a crianzas desde o primeiro ano de idade.

A programación pecharase coa Foliada con Apego de Pablo Díaz e Olga Kirk o martes 9 de xuño ás 18.30 nos xardíns do Doutor Marescot. Será un encontro participativo cheo de música para compartir, cantar, bailar e pasalo moi ben. Esta actividade final está aberta a familias con crianzas de 0 a 6 anos, que poderán levar instrumentos tradicionais de percusión para axudar a facer a festa.

Descarga o cartel / Formulario de inscrición en Apego na primavera

 

Seres máxicos da nosa mitoloxía

Ademais, os seres máxicos da nosa mitoloxía serán o fío condutor dunha serie de actividades de fin de semana guiadas polo Colectivo Xurelo e Ab Origine. A primeira sesión terá lugar o 12 de abril na finca da Casa do Pobo de Cerponzóns, mais o programa estenderase ao longo de todo ano en distintas parroquias e localizacións do concello de Pontevedra. Trátase de actividades de hora e media de duración que constan dunha pequena explicación de carácter antropolóxico, un contacontos, un obradoiro de debuxo guiado e un obradoiro de artesanía. As xornadas, que terán acompañamento musical da man de Marcelo Dobode, están orientadas e adaptadas para que as familias con crianzas a partir de 3 anos entren en contacto coa antropoloxía da cultura propia dunha maneira interxeracional e lúdica a través das figuras máis importantes do noso imaxinario mitolóxico, ao tempo que fomentan o uso da lingua entre as crianzas.

Descarga o cartelFormulario de inscrición en Seres máxicos da nosa mitoloxía

Pin It on Pinterest

Share This