cartel_prog_mz_abr_maio_18O Concello de Ames presenta a súa programación infantil con Apego para esta primavera, con preto dunha vintena de iniciativas que se desenvolverán ao longo dos meses de marzo, abril e maio. Premendo no enlace poderás obter o folleto da programación con información sobre cada unha das actividades. Neste folleto aparecen os departamentos aos que te terás que dirixir no caso de querer obter máis información sobre algunha das propostas

Programación con Apego para a primavera 2018 en Ames

A programación primaveral diríxese a un público familiar, con especial incidencia nas familias con crianzas dos 0 a 6 anos, e ten como un dos obxectivos transversais contribuír á socialización en galego da infancia. Acolle o desenvolvemento de diferentes actividades, cuxa organización corresponde aos diferentes departamentos municipais que traballan conxuntamente para a súa elaboración: Normalización Lingüística, Cultura, Educación e Medio Ambiente.

Marzo con Apego: foliada, contos, teatro e obradoiros de ciencia

A programación estréase o venres, 2 de marzo, coa celebración dunha Foliada con Apego, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a partir das 18:00 h. Esta actividade busca construír unha espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións galegas. Tamén no mes de marzo atoparemos os Contacontos na biblioteca, que se desenvolverán nas bibliotecas municipais do concello baixo diferentes títulos e con variadas temáticas. Todas as sesións de contos comezarán ás 17:00 h e diríxense a crianzas entre os 3 e os 8 anos. As familias interesadas poderán achegarse ás bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns para gozar, aprender e ir tecendo o seu universo literario.

Pum, pum!, de Baobab Teatro S.L, chega á Casa da Cultura do Milladoiro que será o venres 9, ás 18:00 h. As crianzas maiores de 5 anos poderán gozar deste espectáculo de monicreques, teatro de actor, máscaras e sombras, con música orixinal interpretada en directo. Os obradoiros de marzo achegarán aos máis cativos á ciencia a través da actividade Peque Ciencia Divertida, unha serie de obradoiros manipulativos con experimentos, xogos, vídeos… A actividade, que estará dirixida a crianzas entre os 3 e os 6 anos e que precisa inscrición previa, desenvolverase os xoves 10 e 17 de marzo, das 12:00 h ás 13:00 h, no Pazo da Peregrina.

Cantacontos para bebés, de Pablo Díaz, é a proposta que trae este mes para a xente máis miúda da casa. Será o venres 16 na Casa da Cultura de Bertamiráns, con dúas sesións, a primeira ás 18.00 h e a segunda ás 19.00 h. Nela Pablo Díaz fará unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor, tratando temas e rutinas adaptadas ás primeiras idades. Para conseguilo, axudarase de instrumentos como a frauta, a guitarra e a harmónica, e dalgún dos seus temas máis populares.

Abril con Apego: contos, teatro, arrolos, poesía e natureza

O mes de abril comezará novamente con duplas sesións de contos, tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns, mais tamén no achega teatro da man da compañía Malasombra producións e da súa obra Os fabulosos cleaners. A peza está protagonizada por dous operarios da limpeza dun teatro que descobren, por casualidade, as posibilidades das súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A obra representarase o venres, 6 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Para os sábados 7 e 21 de abril está programado un paseo sensitivo polo bosque de Agrón, encadrado no programa Con-tacto Natural. O obxectivo desta iniciativa é achegar ás cativas e cativos á natureza a través dos olores, das texturas, das cores e dos sons naturais. Dirixida a crianzas entre os 2 e os 7 anos, a actividade contará con servizo de autobús e precisa inscrición previa.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan cativos dos 0 a 3 anos teñen unha cita con Xavier Díaz e Guillerme Fernández para aprender cantos de berce e comezar así a transmitir a lingua e a música desde o berce. Arrolos de Salitre, de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, desenvolverase o xoves 12 de abril no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

O espectáculo-recital poético, A poesía é un globo, terá lugar o venres 13 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro e está destinado a familias con nenas e nenos entre os 3 e os 6 anos. A actividade correrá a cargo de Fran Alonso e buscará espertar o interese pola poesía e o ritmo a través de diferentes recursos como a oralidade, a lectura e a música, combinados con variadas propostas visuais.

Pechamos abril coa representación do Secuestro da bibliotecaria. A peza teatral, unha produción de Sarabela Teatro, aborda a historia do secuestro da empregada da biblioteca da vila de Parangón, dun consello municipal que non sabe que facer e dunha banda de secuestradores con varicela. A obra, dirixida a un público entre os 5 e os 12 anos, comezará ás 18:00 horas.

Maio con Apego: contos, música e teatro

A programación do Apego para o mes das letras comezará e rematará tamén con contos nas bibliotecas municipais do concello. Ademais, o venres, 4 de maio, é o día da contada musical As aventuras de Mamá Cabra. Será ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ese día, Gloria Mosquera, creadora das cancións de Mamá Cabra, acompañada por Iago Rodríguez ás teclas e á percusión, levaranos de viaxe pola música deste coñecido grupo.

A programación rematará co espectáculo sensorial participativo Minia convídate a xogar, de Babaluva Teatro. Dirixido a familias con crianzas de 1 a 6 anos. Desenvolverase o venres, 25 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro, con dúas sesións: unha ás 18:00h e outra ás 19:00 h. Este espectáculo resalta a importancia do xogo creativo e intenta fomentar nas crianzas e nas familias a creatividade e a comunicación cos obxectos que nos rodean. O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 15 e o 24 de maio.

En cada unha das actividades que recolle este programa aparece o departamento que as organiza, co obxectivo de que as persoas interesadas en obter máis información poidan dirixirse a el a través dos contactos que aparecen no propio folleto.

Programación con Apego para a primavera 2018 en Ames

Pin It on Pinterest

Share This