O programa Apego resultou gañador da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia, na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas.
O xurado acordou por unanimidade outorgar este premio ao Apego por tratarse dunha “iniciativa que neste momento de emerxencia lingüística potencia a inmersión no idioma propio dos núcleos familiares, dotándoos de ferramentas e recursos para a consolidación do proceso de transmisión do galego”.
Ramón Varela Rodríguez, representante da presidencia de Alingua e encargado de recoller o premio, expresou que “este premio chega nun momento moi especial para o programa Apego, no décimo aniversario da súa posta en marcha” e que “cada día vemos medrar unha rede de familias que deciden criar en galego con convicción e con amor, que buscan apoio, que fan da lingua unha casa e unha ponte cara ao futuro. Familias que din con feitos o que tantas veces se queda nas palabras: que o galego ten futuro porque hai quen o pon na vida e no corazón das súas crianzas”.
A entrega dos galardóns tivo lugar este sábado, 18 de outubro, no auditorio de Afundación, en Vigo.
Para coñecer o resto de gañadores/as nas diferentes categorías podes premer neste enlace
