En Pontevedra contamos cun novo espazo: A Cova dos Libros Fantásticos, onde faremos moitas cousiñas a partir de agora. A Cova dos Libros Fantásticos é un lugar para a lectura, para o xogo, o encontro… e tamén para o Apego! Está aberta os luns e os xoves entre as 17 e as 20 h, e tamén os sábados entre as 10.30 e as 13.30 h. Os seus andeis gardan máis de tres mil títulos de literatura infantil e xuvenil que podedes ler alí, en familia, ou que podedes levar para a casa se vos facedes socias.
O pasado venres estreámola no obradoiro de dioramas de Babaluva! As actividades do Apego deste outono xa están en marcha en Pontevedra e o comezo non puido ser mellor. Pasamos unha fantástica tarde xuntas recortando e creando monicreques, deseñando escenarios incribles e contándonos moitas historias.
A partir de agora A Cova dos Libros Fantásticos será tamén un espazo de encontro e actividades (a cuberto) para o programa Apego en Pontevedra, onde esperamos compartir con vós moitas horas de aprendizaxe e lecer desde o apego pola nosa lingua.