Para que as nenas e os nenos vaian para a cama á súa hora pode axudar ter un referente, e unha canción que indique, lembre e estimule ese momento pode ser un bo método. Por iso, con letra e música do exitoso Paco Nogueiras, o proxecto Apego, para a socialización da infancia en galego, acaba de presentar a canción “Vou para a cama”

Ás veces, para algúns nenos e nenas o momento de ir para a cama non gusta moito, custa e é algo difícil. Para procurar mellorar esa situación cómpre establecer certas rutinas antes de ir durmir e deitarse e levantarse sempre á mesma hora, e algo que tamén pode axudar é ter un referente, como pode ser unha canción que indique e que lembre que é a hora de deitarse. A partir de aí, despois dese sinal e estímulo, pódese comezar o ambiente de relaxación e dalgúns outros rituais, como o ambiente tranquilo, a luz tenue, a lectura dun conto, música suave…

Así, para achegar un recurso en galego que poida servir como ese referente para marcar a hora de ir deitarse, o proxecto Apego, para a socialización da infancia en galego, fixo pública a canción e o vídeo “Vou para a cama” (https://youtu.be/xLMyLGbvXu8), con letra e música do exitoso creador infantil Paco Nogueiras, autor do disco Brinca Vai!

Este vídeo súmase a outros da serie As aventuras de Po (https://www.youtube.com/watch?v=d-rS8zMqLRE&list=PLmMknY_vcYH8eQxWEhoAPK4aRpfZ-pqbQ), que xa hai meses que se están a difundir na rede coa pretensión de achegarlles ás familias recursos en galego, e a través dos cales o polbo Po, mascota do Apego, ensina cores e froitas, os sons e nomes dos animais, as partes do corpo, a atar os cordóns, etc.

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para ese proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia, a través do programa facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos coma virtuais, con propostas de cancións, xogos, etc. Ademais de facilitar materias, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais (charlas, obradoiros, etc.), e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas (concertos, contacontos, teatro, etc.). O proxecto está desenvolvido de xeito cooperativo por 30 concellos de diferentes tamaños, características, etc., entre os que están as sete cidades galegas.

 

Vou para a cama

Pasei o día
na túa compañía
moitas cousas puiden facer.
Hai tempo para todo
mais chega a noite,
as estrelas van aparecer.

Foron moitas horas de emocións,
de contos, xogos e cancións,
pero mañá todo volve comezar.

Libros e debuxos que mirei,
mais chega a hora… ben o sei!
pero mañá todo volve comezar.

VOU PARA A CAMA, EU VOU DURMIR,
COLLO A ALMOFADA MOI PRETO DE MIN.

VOU PARA A CAMA, VOU DESCANSAR,
DENTRO DAS SABAS, AI! EU VOU SOÑAR! (x2)

Todo pasa axiña,
a tarde xa termina,
corre o día coma un tren.

A lúa chisca un ollo,
o sol di “Ata logo!”,
a xornada vai esmorecer.

Quedan tantas cousas por contar,
mais o anoitecer xa vai chegar,
pero mañá todo volve comezar.

Bailes e cancións por descubrir,
risas e recendos para min,
pero mañá todo volve comezar.

VOU PARA A CAMA, EU VOU DURMIR,
COLLO A ALMOFADA MOI PRETO DE MIN.

VOU PARA A CAMA, VOU DESCANSAR,
DENTRO DAS SABAS, AI! EU VOU SOÑAR! (x2)

Pin It on Pinterest

Share This