
OUTONO BONITO,
FOLLIÑAS AO CHAN,
CASTAÑAS ASADAS,
QUE RICAS QUE ESTÁN!
Na programación de outubro do Espazo Apego de Santiago de Compostela, este mes teremos dous días de Merendolas: o primeiro luns co produto estrela do outono galego elaboraremos unhas bolachas de castañas e no terceiro prepararémonos para o Samaín cunhas madalenas terroríficas! Os xoves de Tachán! traerán dúas propostas cheas de contos con Vero Rilo o día 9 e con Bea Campos o 23.
Todas as actividades propostas se desenvolven con inscrición previa cubrindo cadanseu formulario. O día anterior sobre as 12 h recibirase un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.
A lingua medra
Luns / 17 h / Espazo Apego
Os diferentes contextos da vida teñen o seu espazo cada luns arredor do xogo, da experimentación, do coñecemento… Cada semana o enfoque será diferente: cociñarase no espazo Merendolas, a psicomotricidade será a guía en Movéndonos con Apego e a ciencia será a protagonista en Experimentamos. De 17 a 19 h para 2-6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres anterior á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.
Luns 6. Merendolas: bolachas de castañas
Luns 13. Movéndonos con Apego
Luns 20. Merendolas: madalenas terroríficas
Luns 27. Experimentamos
Tardes de contos
Martes / 17 e 18.15 h / Espazo Apego
Un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor da temática mensual (en maio, por Compostela e o mundo) e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0 a 3 anos e de 18.15 a 19.15 h para 3 a 6 anos.
Martes 7
Martes 14
Martes 21
Martes 28
Enredando e lingoretando
Mércores / 17 h / Espazo Apego
Un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción.
A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h.
Mércores 1. Xogamos coas palabras
Mércores 8. Fabricamos xoguetes
Mércores 15. Imos ao patio
Mércores 22. Xincana de palabras
Mércores 29. Xincana de palabras
Tachán!
Dous xoves do mes/ 18 h / Espazo Apego
Contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.
Xoves 9. “Contos de animalario”, de Vero Rilo (de 2 a 6 anos)
Unha viaxe polos montes, prados e camiños máis verdes que poidamos ver, unha chea de encontros cos animais máis marabillosos: toupas choscas, chibos enormes e ogros torpes, pombas doces e dragóns atroces, bichos estraños, cabalos azuis e contos de hai anos e de non hai tantos.
Xoves 23. “Entre arrolos e contiños”, de Bea Campos (de 0 a 4 anos)
“Abre os ollos, as orellas, o nariz e a boca xa, entre arrolos e contiños, a sesión vai comezar”
Nesta actividade, as crianzas compartirán coas persoas que as coidan e educan un momento de pracer, lonxe do ruído e os quefaceres cotiáns, e espertará en todas elas o interese pola literatura, a música e a tradición oral.