Os aires do outono traen a canda si unha chea de actividades para as familias do Apego de Pontevedra. A programación, que se vai estender desde outubro ata decembro, está dirixida a familias con crianzas entre 0 e 6 anos, ou que estean á espera dun bebé. O obxectivo fundamental das actividades é ofrecer recursos e ferramentas que contribúan á activación ou ao enriquecemento da nosa lingua no seo familiar, así como xerar redes e espazos de socialización en galego. Aínda que todas as actividades son de balde, cómpre inscribirse previamente xa que a cabida é limitada. Existen dous formularios de inscrición distintos: o das actividades do Apego no outono e o das actividades de Un pobo con historia de seu.
Apego no outono
Arrolos, cantigas, recitados ou xogos de dedos son elementos fundamentais do noso patrimonio oral, lúdico e musical, e un valioso recurso para iniciar os bebés na linguaxe, reforzar vínculos afectivos e crear espazos de calma ou diversión. Destes elementos saben ben Sonsoles Penadique, Chechu Riquelme, a Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy, Marta Ortiz, Luís Prego e Samuel Soto, que guiarán as sesións orientadas a bebés de 0 a 3 anos.
Para a etapa de 3 a 6 haberá dúas propostas específicas. Unha é Pan con chocolate, con María e Carme da Pontragha, unha actividade moi participativa centrada na narración oral, a música e o baile. Pola súa banda, as familias con crianzas de cinco anos en adiante poderán gozar do obradoiro O gaiteiro verde, coa Fundación Legar, no que aprenderán a construír instrumentos musicais con materiais naturais e a usalos para acompañar cantigas.
A actividade do día 5 de novembro está aberta a familias con crianzas de 1 a 6 anos. Chámase Danzando co outono e é un obradoiro ligado á danza impartido por Laura Martínez Rey. Durante as sesións as familias integrarán a lingua a través do corpo e o movemento, e conectarán as dinámicas de respiración, ritmo ou danza con conceptos e produtos típicos do outono, acompañadas por música e diferentes materiais.
Un pobo con historia de seu
Continúa tamén durante as fins de semana o ciclo de actividades Un pobo con historia de seu, a cargo de Polo Correo do Vento e Ab Origine e con dinamización e xogos musicais da man de Marcelo Dobode. Trátase de actividades de hora e media de duración que se desenvolven en distintas parroquias e localizacións do concello de Pontevedra. Constan dunha pequena explicación sobre o período histórico que se traballe, unha contada, un obradoiro de debuxo guiado e un obradoiro de artesanía. Están orientadas e adaptadas para que as familias con crianzas a partir de 3 anos entren en contacto coa nosa historia dunha maneira interxeracional e lúdica. Este é o formulario de inscrición.
As familias do concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumarse aquí ou escribindo a normalizacionlinguistica@pontevedra.eu.