En Pontevedra dámoslle a benvida ao outono cunha nova programación infantil para as familias do Apego! Durante os vindeiros meses, as crianzas e as súas familias poderán participar dunha ampla variedade de actividades que lles proporcionarán recursos e espazos para medrar, gozar e tecer redes en galego.
As familias con bebés de 0 a 3 anos poderán escoller entre distintas sesións musicais nas que escoitar e aprender cantigas, arrolos ou xogos de dedos, acompañadas por Luís Prego, Samuel Soto e a Fundación Legar. Con Miudiño, descubrirán as infindas posibilidades que ofrecen os materiais naturais (pólas, liscos de madeira ou pedras) para crear un espazo de xogo creativo. E non van faltar os contos de Pavís Pavós, para bebés e tamén para as idades a partir de 4 anos.
As propostas para as crianzas máis maiores van desde un obradoiro de teatro de sombras para xogar a inventar historias con Babaluva ata unha xornada de experimentación coa construción libre guiada por Miudiño, na que deixaremos voar a imaxinación iniciándonos no uso de… ferramentas reais!
Para as etapas a partir de 3 anos, segue a desenvolverse o ciclo Un país de festas e ritos, co que estamos a percorrer as distintas parroquias pontevedresas, aprendendo sobre os ritos e crenzas que rodean as nosas festas.
A programación complétase cunha actividade formativa para profesionais da educación en etapas de 0 a 6 centrada na música de raíz como ferramenta para poñer en valor a nosa lingua e a nosa cultura. As inscricións para esta xornada faranse por medio do enderezo electrónico normalizacionlinguistica@pontevedra.eu.
Benvido, outono! Sempre con Apego!
Todas as actividades son de balde, mais requiren inscrición previa xa que as prazas son limitadas.
Se vives no concello de Pontevedra, tes crianzas de 0 a 6 anos (ou vas ter) e aínda non formas parte do programa Apego, pide cita para sumarte.
Podes descargar o cartel coa programación aquí.