agradecemento-premio-cultura-galega-2017_730px_web

Despois de recibir o Premio Rosalía de Castro de Lingua 2017, que concede a Deputación da Coruña, o proxecto Apego acaba de ser galardoado tamén co Premio da Cultura Galega 2017 na modalidade de lingua.

Este proxecto naceu para incentivar e facilitar a socialización en galego das nenas e dos nenos desde a primeira infancia, e o traballo, que cómpre fortalecer para ese obxectivo, está sendo recoñecido, algo que desde a organización agradecemos e polo que, ademais, felicitamos a toda a comunidade Apego.

O conxunto de galardóns destes Premios da Cultura Galega 2017, que concede a Xunta de Galicia, son Xohana Torres (Letras), Berta Cáccamo (Artes Plásticas), Mabel Rivera (Artes Escénicas), Uxía (Música), Óliver Laxe (Audiovisual), o Proxecto Apego (Lingua), a Fundación Rosalía (Patrimonio Cultural) e Cristina Pato (Proxección Exterior) [+info completa no web da Xunta: https://i.gal/aqExb]

Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmansen actividades para nais e pais e para nenos e nenas, etc.

Esta iniciativa, posta en marcha en 2015 e nacida no seo da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), é desenvolvida desde os servizos de normalización lingüística de 30 concellos: A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, O Carballiño, Carnota, Cee, Ferrol, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Nigrán, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vimianzo.

Deste xeito, o proxecto Apego chega a unha poboación que supera os 1.300.000 habitantes, entre a que está a das sete cidades galegas e das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.

Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) faise unha avaliación moi positiva do programa, tanto pola acollida ata o momento, como polo número de familias directamente implicadas –xa están adheridas formalmente máis de 2.000–, polos recursos creados, pola participación nas actividades e polos resultados que se van percibindo.

Podes seguir a actualidade de Apego en Faceboo, aquí > https://www.facebook.com/apego.gal/

Pin It on Pinterest

Share This