No concello de Narón as familias dábanlle a benvida ao proxecto Apego en 2015 e tres anos despois, xa son máis de cincocentas as familias que forman parte desta iniciativa que busca favorecer a socialización en galego desde o berce.

O Apego medra día a día pois son moitas as familias que queren criar os seus nenos e nenas en galego e que demandan recursos, materiais e actividades nesta lingua que lles faciliten esta tarefa.

E para celebrar esta boa nova, desde o Servizo de Normalización Lingüística queremos agradecerlles ás familias o seu interese e implicación con Apego, as súas suxestións e achegas que fan mellorar o proxecto a cada paso, e, sobre todo, que apostan polo máis importante, a crianza en galego, a nosa lingua propia que ao transmitírllela aos seus pequerrechos e pequerrechas están a darlles o mellor dos agasallos, o orgullo e o privilexio de coñecer e falar a nosa máis importante marca de identidade como pobo.

Seguimos cos agradecementos, nesta ocasión queremos agradecerlle ao persoal das escolas infantís municipais e A Galiña Azul que demanden e participen en obradoiros para aprender recursos infantís en galego para así poder empregalos nas aulas.

E por último, queremos agradecerlle moi especialmente ao servizo de matronas que traballa no centro de saúde, a súa inestimable axuda na difusión do proxecto. Aínda que este proxecto ten moita presenza nas redes e o boca a boca sempre funciona, o certo é que moitas das familias de Narón que veñen ao SNL a interesarse polo Apego fano grazas á información e folletos que lles achegan estas comadroas, o que contribuíu notablemente a que Narón supere as cincocentas familias adheridas a esta iniciativa.

Algunhas destas familias quixeron visibilizar o seu apoio á crianza en galego e ao Apego a través dunha sesión de fotos que tivo lugar o mércores 20 de xuño  no parque fluvial do río Freixeiro e outras que non puideron estar tamén nos fixeron chegar unha foto familiar coa que manifestan o seu apoio.

Moitísimas grazas a todas as persoas que facedes posible o Apego e que a lingua galega teña futuro. Parabéns e que a comunidade do Apego siga medrando!!!!

foto-fb

Pin It on Pinterest

Share This