As familias que forman parte do programa Apego que tiveron crianzas en Teo durante este último ano xa teñen un espazo natural conxunto, o “Bosque Apego”, situado en Nespereira, Luou.
O sábado 18 foi a data escollida para realizar a plantación, logo de que cada familia escollese unha árbore autóctona que simbolizará o crecemento á par da crianza que a plantou. Así, tras a escolla das familias, este bosque estará formado por sobreiras, carballos, castiñeiros e freixos, e á beira de cada árbore, aparece unha madeira sinalizadora co nome da planta e da crianza.

Para levar a cabo esta actividade, o Servizo de Normalización Lingüístico recibiu peticións para formar parte desta actividade ao longo do ano, nas entrevistas que mantén coas familias que se achegan para formar parte do Programa Apego.

Esta nova iniciativa, Bosque Apego, terá unha continuidade no tempo, xa que, cada familia que teña unha nova crianza no Concello e que desexe formar parte do programa Apego, deberá concertar unha breve entrevista co Servizo de Normalización Lingüística na que, ademais de explicar os contidos do programa Apego e de entregar os materiais de benvida deste, se lle agasallará co apadriñamento dunha árbore autóctona. Nese intre, as familias inscríbense na listaxe de interesadas en ser chamadas para a plantación da súa árbore no Bosque Apego.

Esta plantación realizarase en dous momentos do ano, coincidindo coas épocas óptimas de plantación, a comezos da primavera e a finais do outono. Ademais, cada árbore será identificada co nome da crianza que a plantou.

Bosque Apego será un espazo de comunidade, situado nunha leira municipal na parroquia de Luou, que se acondicionará para a plantación na que as árbores autóctonas e as crianzas serán as protagonistas, xa que cada familia e crianza terán alí plantada un anaquiño da súa identidade.

Bosque Apego é un proxecto que pretende vencellar o apego que cada persoa ten ao contorno natural, social e cultural no que vive, o cal está sempre interrelacionado co contorno lingüístico, para o cal o apego é tamén un sentimento necesario. Ademais será un espazo no que familias e crianzas teenses se relacionarán e terán sempre presente como propio, ao igual que ocorre co idioma.

Podes encontrar o Bosque Apego aquí: https://goo.gl/maps/zppD8PZ9tjuodjtT7
2

3

Pin It on Pinterest

Share This