En Compostela si! E chámase Sarela! Esta é a proposta que vos facemos para este mes de outubro dentro das actividades infantís do Concello: poñermos as botas e saírmos dar un paseo pola beira deste río tan noso. Entre a choiva de follas habemos atopar fontes, pontes, lavadoiros, muíños e ata os restos das fábricas de coiro que se asentaron aquí hai máis de 200 anos. A cativada ha gustar de observar a follaxe do chan e tratar de recoñecer a árbore a que pertenceu…

Como actividades destacadas deste mes de outubro sinalamos as que se desenvolverán no XXIII Festival Internacional Galicreques  entre os días 13 e 21. O domingo 28 comezaremos tamén a degustar unha mostra dos 12 Doces de Outono.

Durante o resto do mes teremos variedade de actividades para os máis pequerrechos como Minia convídate a xogar de Babaluva Teatro ou os Contos outonais de Celtia Figueiras. Tamén os máis grandiños terán os seus espazos no concerto de Pablo Díaz Tic, tac, toc, na obra As aventuras de Gale d’A Xanela do Maxín, na Bibliodiscoteca de María Faltri e Jorge Juncal ou na Música dos contos de Febaralart entre outros.

Propoñémosvos así gozar deste mes de outubro e das súas cores outonizas cun bo feixe de actividades e en familia!

Toda a información en: apego.santiagodecompostela.gal

 

 

Pin It on Pinterest

Share This