Música de diferentes estilos, xogos, contos, teatro, baile, xogo libre, obradoiros, maxia, cine, arrolos, creatividade, imaxinación, natureza… O Concello de Ames presenta unha ampla e variada programación con Apego para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2025. O obxectivo central de todas estas actividades é achegarlles recursos e propostas creativas ás familias para facilitarlles a transmisión da lingua e favorecer unha crianza positiva e con moito apego polo noso. Pódese consultar o programa completo e a información detallada sobre cada unha das actividades premendo nesta ligazón
“O sol chámase Lourenzo
e a lúa Catarina;
Catarina anda de noite
e Lourenzo anda de día”
Este recitado popular abre a programación infantil con Apego do Concello de Ames para os últimos catro meses do ano, un programa pensado para a ampla variedade de familias que se achegan ao proxecto Apego na procura de actividades, recursos e outras propostas creativas e divertidas que faciliten a socialización en galego das crianzas.
Artistas e creadores de contido como Cé Orquestra Pantasma, Miudiño, Luís Prego, Samuel Soto, Cris Collazo, Caxoto, Marc Taeger, Marta Ortiz, A Banda dos Insectos, Alma Blanco, Ángeles Goás, As da Pontragha, Arkhé espazo educativo, Soledad Felloza, Anxo Moure e a Banda da Montaña encherán os próximos meses de risas, apego, emocións, contos, diversión, teatro, música, poesía, cantos, baile, cinema, arrolos, maxia, aventuras, xogos, obradoiros en familia e moitas moitas aprendizaxes e experiencias novas.
Entre a grande variedade de propostas coas que encheremos os vindeiros meses do 2025, terán presenza os xa habituais festivais de maxia e de cinema que organiza o Departamento de Cultura do Concello de Ames e que en breve presentarán o seu programa específico. Ademais, neste ano Castelao, contaremos con dúas actividades para achegar a súa figura ao público familiar. En setembro, o día 19, representarase na Casa da Cultura do Milladoiro a obra de teatro Castelao de Culturactiva protagonizada por Cristina Collazo, e o 28 de novembro Soledad Felloza traerá ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns o seu Alfabeto Castelao, unha sesión chea de historias, emocións e contos que nos introducirán no universo dunha das figuras intelectuais máis importantes de Galicia.
Nesta programación colaboran varios departamentos municipais na procura dun obxectivo: estimular o coñecemento e o apego pola lingua.