folleto-apego-carballo-outono-2017_730px

Durante o outono, ademais das accións globais, incentivadoras e comunicativas do proxecto Apego, o Concello de Carballo organiza actividades formativas e dinamizadoras dirixidas ás familias: obradoiros prácticos Montessori, Nanocontos para bebés, concerto de A Banda dos Cueiros, Un bico para Alí, concerto infantil de María do Ceo, contacontos na Biblioteca, actividades na Ludoteca, obradoiros no Horto Infantil Ecolóxico, etc.

Podes descargar aquí o programa completo de actividades con Apego de Outono de 2017 en Carballo (.pdf)

Comunicación, materiais e actividades durante o outono en Carballo

As tres principais accións dentro do proxecto Apego previstas para o outono en Carballo son, en primeiro lugar, a comunicación coas familias e difusión de recursos educativos audiovisuais, principalmente a través da rede, na liña que se vén desenvolvendo no último ano cos vídeos de As aventuras de Po, as cancións educativas, os consellos de recursos, etc. En segundo lugar, a achega ás escolas infantís de Carballo dun lote de material educativo, con discos de música infantil en galego, libros educativos infantís en galego e outros materiais, como por exemplo, unha lámina co abecedario. E, en terceiro lugar, un programa de actividades con Apego.

A intención deste programa é ir reunindo progresivamente nel a oferta destinada a público familiar que se organiza desde o concello desde diferentes áreas, para informar de xeito máis directo e efectivo as familias destinatarias. Así, neste programa de outono inclúense actividades como os obradoiros do Horto Infantil, organizadas desde a Concellaría de Promoción Económica; as actividades da Ludoteca e os contacontos da Biblioteca, organizadas desde a Concellaría de Cultura; e actividades específicas do programa Apego, organizadas desde o Servizo de Normalización Lingüística. Deste xeito, durante o outono, cómpre destacar:

  • Ludoteca: todos os martes e xoves haberá, ás 17.30 h, diversas actividades de dinamización para nenas e nenos de 3 a 8 anos, para as que cómpre inscribirse previamente.
  • Horto infantil: con obradoiros para nenas e nenos nos que, ademais do cultivo e coidado da terra, tamén se traballa de maneira transversal a economía sostible, a saúde, o consumo responsable, a reciclaxe, a igualdade ou a lingua. Aínda que os obradoiros destinados a nenas e nenos de educación Infantil xa están completos, aínda se pode inscribir máis xente para cubrir posibles baixas, e para os obradoiros de Primaria aínda quedan prazas.
  • Biblioteca: haberá diversos contacontos, tanto do ciclo dos Ratos da Biblioteca, que comeza de novo, e dos que haberá sesións dobres os días 15 e 29 de novembro, e 13 de decembro, como outros puntuais, como As viaxes de Irene, o 11 de outubro, ou Lobo Bobo, o 9 de novembro.
  • Normalización Lingüística: ademais destas propostas citadas, haberá outras programadas directamente desde o Servizo de Normalización Lingüística para completar a oferta específica do programa Apego. En concreto, desenvolveranse as seguintes actividades:
    • Tres obradoiros prácticos para nais e pais sobre a pedagoxía Montessori, a cargo de Aura Carballo, e que terán lugar os días 9, 17 e 24 de outubro, cunha sesión por idade.
    • O día 25 de outubro terán lugar dúas sesións de contos para bebés no Pazo da Cultura, con Raquel Queizás e os seus Nanocontos, para bebés de 0 a 3 anos.
    • O 19 de novembro será a vez do concerto de A Banda dos Cueiros, un grupo musical para bebés e nenos e nenas con versións actuais de melodías infantís clásicas, adaptacións de contos, adaptacións de temas da tradición oral, etc. Será o domingo 19 de novembro no Pazo da Cultura.
    • O 22 de novembro terán lugar dúas sesións para familias de narración oral e musical con Un bico para alí, para ensinarlles ás familias e nenos e nenas recursos educativos en galego dunha maneira amena e divertida.
    • E o domingo 17 de decembro será a vez de Cancións para nenas e nenos, o novo proxecto musical infantil da fadista galega por excelencia, María do Ceo, tan querida polo público carballés, agora tamén para nenas e nenos.

Apego, un programa global, recoñecido, cooperativo e en crecemento

O proxecto Apego é un programa global para incentivar e facilitar a socialización da infancia en galego, e que se operativiza no desenvolvemento e achegamento de materiais, tanto físicos como virtuais, que faciliten esa socialización, e na programación de actividades, tanto formativas e informativas, dirixidas a nais e pais, como de animación e dinamización, xa dirixidas a nenos e a nenas.

O gran recoñecemento deste proxecto é a boa acollida das familias, o interese que teñen nel, a participación nas actividades, a visualización dos vídeos, os resultados. Pero, ademais diso, está sendo tamén premiado, e nos últimos meses recibiu os dous principais premios que para a lingua hai no país: o Premio Rosalía de Castro a iniciativas normalizadoras, que concede a Deputación da Coruña, e o Premio da Cultura Galega 2017 na modalidade de Lingua, que concede a Xunta de Galicia.

E o programa segue en crecemento. Nestes momentos xa son 30 os concellos participantes de maneira colaborativa e cooperativa, entre os que están as sete cidades e unha poboación que supera os 1.300.000 habitantes, aproximadamente a metade do país. E nel están inscritas de maneira directa arredor de 2.500 familias, preto de 200 de Carballo.

Podes descargar aquí o programa completo de actividades con Apego de Outono de 2017 en Carballo (.pdf)

Pin It on Pinterest

Share This