portada-folleto-ames-outono-2018-webO Concello de Ames presenta a súa programación infantil con Apego para este outono. Unha morea de actividades que se desenvolverán ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro. Premendo no enlace poderás obter o folleto da programación con información sobre cada unha das actividades. Neste folleto aparecen os departamentos aos que te terás que dirixir no caso de querer obter máis información sobre algunha das propostas

A programación de outono diríxese a un público familiar, con especial incidencia nas familias con crianzas dos 0 a 6 anos, e ten como un dos obxectivos transversais contribuír á socialización en galego da infancia. Acolle o desenvolvemento de diferentes actividades, cuxa organización corresponde aos diferentes departamentos municipais que traballan conxuntamente para a súa elaboración: Normalización Lingüística, Cultura e Educación.

http://www.concellodeames.gal/media/documentos/folleto_programacion_infantil_setembro_2018.pdf

Outubro con Apego: contos, regueifa, concertos e moita maxia

A programación abre o mércores, 3 de outubro cos Contacontos na biblioteca, que terán lugar sempre nas bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns a partir das 17:30 h, con títulos e temáticas que irán variando. Esta actividade está dirixida a familias con crianzas entre os 3 e os 8 anos.

O venres 5 de outubro as familias interesadas poderán asistir, no Pazo da Peregrina, á actividade A bailar con Pesdelán. Un espazo para gozar, rir, bailar e coñecer compañeir@s de baile guiados por Montse Rivera. Tamén en outubro, o mércores 10, teremos a Foliada con Apego para todas as familian que desexen compartir, cantar, bailar e aprender cancións en galego xunto coas súas crianzas.

A casa encantada de Alí, de Fabaloba e Luis Prego, daranos a coñecer novas ferramentas para compartirmos emocións e xogos coas cos máis pequenos. Será nun conto-obradoiro participativo, o mércores 17 ás 18:00h no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

O venres 19, ás 18:00h, na Casa da Cultura do Milladoiro poderemos gozar do Concerto singular, da Compañía Píscore. Catro prestixiosos músicos, a mellor sintonía e moito humor para rir e gozar con esta orixinal proposta. Ademais, teremos música abondo con Debullando versos, os Obradoiros de regueifa miúda impartidos por Alba María en catro sesións entre o mércores 24, no local social de Xupemi, e o martes 30 no local social de Bugallido. Iniciarémonos á regueifa e conseguiremos debullar o gran dos versos e facermos con eles pan quentiño para a nosa lingua.

Outubro ven tamén cargado de ilusión co Festival de Maxia. Tres días cheos de encanto para todos os públicos con obradoiros, espectáculos infantís e galas máxicas.

Novembro con Apego: teatro, contos, cinema e un chisco de ciencia

O mes de novembro terá de novo varias sesións de contos, tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. Desta volta abrirá o xoves 8, ás 20:00h para público adulto no Pazo da Peregrina, coa charla As miñas linguas e mais eu. Algunhas reflexións sobre a mente e a linguaxe”. Unha charla do neurólogo Xurxo Mariño na que se pretende dar resposta a diferentes preguntas: Como emerxe a fala nos primeiros anos de vida? Poden as linguas modificar o pensamento? Que ocorre nos cerebros de falantes de máis dunha lingua?

Gaia, da compañía de teatro Entremáns, unha historia na que a pintura, a música e o audiovisual nos axudan a descubrir a intensidade, o poder e a beleza do noso planeta. Será o venres 9, ás 18:00h, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Os días 16, 17 e 18 nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro contaremos co festival internacional de cinema infantil e familiar Cinema Crianza, para promover o gusto polo cinema entre os máis cativos, converténdoos ademais en creadores e participantes activos por medio de diferentes actividades que se realizarán en paralelo.

Con Tanxarina poderemos desfrutar da obra A galiña azul, un espectáculo que fala da diversidade e da solidariedade, baseado na novela de Carlos Casares. Será o venres 23 ás 18:00h, na Casa da Cultura de Bertamiráns. No sábado 24, na Casa da Cultura do Milladoiro estarán Fabaloba e Luís Prego con Un bico para Alí, unha nova aventura con música en directo na que coñeceremos moitas cancións, xogos e contos para compartir cos cativos e cativas.

Remata o mes de novembro co espectáculo musical e teatral de Odaiko, Mar adiante, onde encontraremos un barco convertido nun enorme instrumento de percusión: o temón é unha carraca, as xanelas dous tambores… Será o venres día 30 ás 18:00h, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Decembro con Apego: contos, teatro e foliada de nadal

Decembro virá de novo con contacontos nas bibliotecas municipais, desta vez baixo o título Que ben sabe esta lúa! O venres 14 ás 18:00h, na Casa da Cultura do Milladoiro, a compañía Baobab Teatro presentará Puño Puñete, un espectáculo de música en directo, cantigas e contos de tradición oral para descubrirmos un mundo de sensacións e emocións para comunicar desde o berce.

O mundo máxico de Pinocho, de Educateatro Producións, unha adaptación ao teatro musical do conto clásico con moita participación do público: maxia, ilusións, sombras chinesas… Será o mércores 26 de decembro, ás 17:00h, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

O mes de decembro remata coa Foliada de Nadal, con Pablo Díaz e Olga Kirk. Un encontro para coñecerse, compartir, cantar, bailar e ir aprendendo unha chea de cantos. Será o venres día 28, ás 17:00h, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

En cada unha das actividades que recolle este programa aparece o departamento que as organiza, co obxectivo de que as persoas interesadas en obter máis información poidan dirixirse a el a través dos contactos que aparecen no propio folleto.

Pin It on Pinterest

Share This