O alcalde de Teo, Rafael Sisto, xunto coa concelleira de Cultura e Educación, Pilar Faxil, presentaron o programa Apego non Concello de Teo e entregaron a primeira “caixa-regalo” de benvida ao proxecto.

 

O acto de presentación tivo lugar nun dos lugares dos que o Concello de Teo xa dispón para o ocio durante a primeira infancia, a Bebeteca da Mediateca do Grilo, en Cacheiras. Alí, tras visualizar os vídeos promocionais e informativos do programa, o alcalde, Rafael Sisto entregou persoalmente o agasallo de benvida ao proxecto. Pablo foi o primeiro neno en recibir unha caixiña para os seus primeiros meses de vida que inclúe un libro-guía con recursos para a crianza en lingua galega, un álbum para as lembranzas do primeiro ano de vida, un medidor, un adhesivo para o coche e un “apego” ou mascota personalizada para o proxecto. Pero ademais diso, Pablo vai formar parte dunha comunidade na que se informará sobre actividades que poidan ser do seu interese e recursos en lingua galega e información para ir dando os primeiros pasos na vida.

img_7122 img_7092 img_7100

Rafael Sisto, alcalde de Teo sinalou “a importancia de que as familias tomen conciencia na transmisión da lingua aos seus descendentes e coñezan os recursos que existen para poder facelo, mentres que o papel que as administracións debemos adoptar é o de colaborar nese proceso co noso apoio mediante programas como este”, mostrou tamén a importancia de “non deixar que a lingua se utilice nun ou noutros contexto, senón que todos poñamos da nosa parte para conseguir un uso en todos os ámbitos da vida e desde os primeiros pasos nesta”. Pola súa banda Pilar Faxil, concelleira de Cultura e Educación considerou que “as familias que se adhiran a este proxecto terán máis argumentos para poder realizar unha educación dos seus fillos e fillas desde o afecto e agarimo que sentimos pola nosa propia lingua e formarán parte dunha comunidade de persoas coas que, dunha ou doutra forma, compartirán a educación das súas nenas e nenos”.

 

As familias que desexen participar no proxecto Apego deben cumprir dous requisitos: estar empadroadas no Concello de Teo e estar en camiño de ter un bebé ou xa ter unha filla o fillo de ata 6 anos. Aquelas que se adhiran á comunidade terán un agasallo de benvida, unha caixiña con materiais e recursos moi útiles para aquelas que están agardando un bebé ou nos seus primeiros meses de vida, e un CD con música en galego para os nenos/as máis grandiños.

 

Para poder realizar as inscricións, ben pode facerse desde a páxina web www.apego.gal ben chamando ao número de teléfono 981 815 700 ou enviando un correo electrónico ao enderezo politicalinguistica@teo.gal.

 

O programa Apego comezou a funcionar en marzo de 2015 coa sinatura dun protocolo de colaboración por parte dos concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo. Posteriormente, o pasado 9 de abril, ampliouse o número de concellos participantes coa sinatura dun novo protocolo no que se sumou o Concello de Ames, xunto a outros 10 concellos (A Coruña, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo). Deste xeito, esta iniciativa de cooperación intermunicipal, ampliouse a 23 concellos e a unha poboación de máis do millón de habitantes, entre a que está a das principais áreas urbanas galegas.

 

O Apego naceu dunha proposta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e coordinase e mantense dende os servizos de normalización lingüística dos 23 concellos participantes. As familias que estean interesadas neste proxecto poden atopar ampla información tanto na súa páxina www.apego.gal como no perfil de Facebook: www.facebook.com/apego.gal.

 

Teatro infantil

O Concello de Teo continúa a súa programación infantil coa actuación de O soñador de Historias de Fanfarra Teatro este sábado 15 ás 19 horas no auditorio Constante Liste da Ramallosa.

 

Pin It on Pinterest

Share This