apego_presentacion2

O alcalde de Sada e responsable da área de Normalización Lingüística, Benito Portela, destacou na presentación do programa, realizada esta mañá na Capela de San Roque, que a transmisión do idioma de nais e pais a fillos e fillas é chave para o futuro de calquera lingua. “Se ti falas, indicou Portela, eles e elas falan. O que lles fales, o que lles leas, o que lles cantes vai quedar prendido neles como pouso”.

“O que antes acontecía de modo espontáneo, agora cómpre dármoslle un impulso desde todos os ámbitos, nomeadamente, desde a administración local”, engadiu o alcalde. Por iso, a chegada dun novo membro á familia é un momento de cambios que pode ser ben acaído para tentalo co galego. Baixo esa premisa nace o programa Apego ao que a Concellería de Normalización Lingüística se suma desde hoxe.

No acto, onde estiveron presentes varias familias anotadas ao Apego e a técnica de Normalización Lingüística, o alcalde entregou algúns agasallos de benvida ao programa, como os cd de música galega ou as caixas de benvida, compostas por unha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e a crianza, un adhesivo para o coche e un medidor.

Estas caixas entregaranse a todas as familias que queiran apuntarse no programa que teñan fillos ou fillas nadas durante ano 2017 ou que estean esperando un bebé; para o resto das familias, haberá un cd recompilatorio dos últimos éxitos de música galega infantil. Desde o Servizo de Normalización Lingüística, situado na planta baixa da Casa do Concello, na Avenida da Mariña 25, sinalan que as familias poden solicitar cita para sumárense ao Apego a través do teléfono  981 620 075, ext. 255 ou no correo electrónico lingua@sada.gal, e así ter a ocasión de explicar máis polo miúdo en que consiste o programa Apego, as actividades que se van realizar en Sada e entregarlles o agasallo de benvida.

Programa colectivo

Apego é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial. Naceu por iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística e desenvólvese, de xeito cooperativo, entre os servizos de normalización dos concellos adheridos.

Diríxese ao contexto familiar e social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida (0 a 6) para achegarlle argumentos e facilitarlle ferramentas e redes que sosteñan e arroupen a crianza en galego.

 

 

Pin It on Pinterest

Share This