O concello do Carballiño anunciou hoxe a posta en marcha do Programa Apego, dirixido a promover o uso do galego no ámbito familiar dende a infancia. Tras adherirse a esta iniciativa, da que forman parte actualmente 30 concellos galegos, déronse a coñecer os requisitos para formar parte do programa, e que son: estar empadroados no municipio do Carballiño e ter un fillo ou filla de ata seis anos como máximo.

Á presentación asistiu o concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández; o concelleiro de AV-SON, Bernardo García, que presentou a moción para a adhesión ao programa Apego, e a primeira familia que solicita o acollemento ao programa, integrada por Melanie Rodríguez, Manoel Pérez e a súa filla Xiana, de dous meses.

Diego Fernández agradeceu a presenza e o interese desta familia por participar no programa,  e fixo fincapé na importancia de fomentar o galego dende a infancia e que o programa Apego facilita as ferramentas para levalo a cabo. De aí que o concelleiro se amose orgulloso de que o concello se integrase no mesmo conxuntamente con outros 30 concellos (en Ourense, a capital e O Carballiño) que dispoñen de Servizo de Normalización Lingüística. Finalmente, animou ás demais familias carballiñesas con fillos de ata seis anos para que soliciten a adscrición a este programa, que se pode facer a través do Servizo de Normalización Lingüística municipal.

Bernardo García tamén incidiu no compromiso do Concello do Carballiño coa promoción do noso idioma, e referiuse á iniciativa do grupo AV-SON que, a través dunha moción, foi quen solicitou a adhesión ao programa Apego.

No acto presentouse parte do material didáctico que se entregará ás familias cos cativos de menor idade e o resto do material para a realización de actividades que se pode baixar da páxina web apego.gal. Como feito curioso pode resaltarse que a mascota do programa é un polbo, que leva o nome de polbo “Po”. A caixa que se entregará contén diverso material, e ademais tamén se entregará un CD con cancións infantís aos máis grandiños

 

Pin It on Pinterest

Share This