Once novos municipios comezan a aplicación do programa cooperativo Apego e iníciase tamén a difusión de vídeos promocionais e explicativos deste proxecto para a socialización en galego da infancia

caixa-apego-video_760pxDespois de que na primavera se adherisen ao programa Apego os concellos da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo, chega agora o momento no que comezan a traballar de maneira efectiva na súa aplicación coas familias interesadas en incorporar o galego á crianza das súas fillas e fillos nos respectivos municipios.

Estes once concellos súmanse aos doce que puxeron en marcha a iniciativa en 2015 (A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo) co impulso inicial da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Grazas a esta colaboración intermunicipal, a poboación atinxida polo programa Apego supera xa o millón de habitantes.

Apego procura aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Dentro das accións que se realizan, a máis coñecida xa é a entrega de cadansúa caixa con información e recursos en galego ás familias que acceden a formar parte da comunidade do programa. A partir desa adhesión, reciben periodicamente información e propostas para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades. Para lograr isto, ademais dos espazos na rede onde se facilitan recursos (www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal), varios concellos publican materiais específicos para divulgar a oferta de actividade infantil e tamén reforzan a programación con convocatorias nas que as nenas e nenos poden gozar, aprender e relacionarse na nosa lingua.

Grazas ao medre do proxecto, coas novas incorporacións, Apego está xa producindo novos recursos, nesta ocasión materiais audiovisuais para a súa difusión nas redes. Trátase de pezas de vídeo para transmitir os obxectivos do proxecto, explicarlles o funcionamento ás persoas que desexen sumarse e divulgar de xeito atractivo algúns contidos que, ben seguro, as nais e pais han considerar útiles (unha canción para ir durmir composta especialmente para este proxecto, xogos de dedos, os sons dos animais, as cores, as froitas, como atar os cordóns…). A distribución destes materiais farase a partir da canle en Youtube do proxecto Apego e tamén das súas redes sociais.

Os dous primeiros deste vídeos poden verse aquí:

 

Apego, pola vida e pola lingua (vídeo promocional): https://youtu.be/pn5DITk4vE0

 

Únete ao Apego, pola lingua (vídeo explicativo): https://youtu.be/_icSM7SAfyU

O proxecto Apego desenvólvese desde os servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos participantes, a onde se poden dirixir as persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade de usuarias.

Aquí podes consultar os contactos dos SNL dos concellos participantes.

Pin It on Pinterest

Share This