A sección de outros recursos a un clic do noso web conta con tres novos recursos ben interesantes: Galego para peques, Pido papas e Onde nace a lingua.

Galego para peques é un proxecto audiovisual en galego para a primeira infancia. Na súa canle de YouTube pódense atopar diversos vídeos animados, con cancións para aprender as cores, as letras, os números, as formas, os días da semana ou as partes do corpo. Algunhas das cancións están apoiadas en pictogramas, unha ferramenta de comunicación aumentativa e alternativa (CAA) que adoita empregarse para axudar as persoas con necesidades educativas especiais a comunicárense e desenvolveren as súas habilidades. O proxecto foi recoñecido nos Premios Mil Primaveras 2024. Podedes atopar a ligazón á súa canle de YouTube no apartado de audiovisuais.

No apartado de xogos incorporouse a ligazón ao web de Pido Papas, un proxecto de libros de pasatempos e escape rooms en galego iniciado por Breixo Mariño. Os libros están organizados por temáticas e ofrecen unha ampla variedade de actividades, desde sopas de letras ou labirintos ata debuxos para colorear, enigmas matemáticos ou xogos para atopar diferenzas. Están orientados a crianzas a partir dos 4 anos.

Non podían faltar, no apartado de música, os vídeos de Onde nace a lingua, un espazo creado por Marta Ortiz para poñer á disposición de familias e docentes cancións, contos e recursos para a primeira infancia; con algunhas das cancións que forman parte dos seus espectáculos, creacións novas e recitados populares.

Pin It on Pinterest

Share This