portada-microsite-novembro-decembro-2019-01

A friaxe e a choiva van facendo acto de presenza e logo habemos ir pedindo papas quentes e castañas asadas. Mais nada nin ninguén vai impedir que en inverno tamén vaiamos de festa! Porque temos unha cita para non perder: a Festa do Apego agárdanos no Auditorio de Galicia cada mes de decembro para bailar e brincar todo o día! Este ano será o sábado 28 e a programación vén cargada de diferentes actividades de teatro, contos, música, danza, obradoiros de xoguetes, audiovisuais, recursos para a educación, xogo libre… e unha feira para poñerse ao día das novidades literarias, educativas, de lecer, de crianza…

Mentres se achega a data, ben podemos ir preparándonos para a troula, non vos parece? Propoñémosvos desta volta na actividade permanente aproveitar os galanos que a natureza nos dá nesta época do ano para enfeitarnos con fermosos (e deliciosos) colares de castañas e mais artellar unhas divertidas castañolas, perfectas para acompañar as pezas de Pakolas e Magín Blanco.

Ademais, as actividades infantís destes meses son múltiples e variadas:

Seguiremos xogando todos os mércores lectivos con Xandobela nas Tardes xogantinas de outono. Só vos tedes que achegar ás 17.50 h ao Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes nas Fontiñas e unirvos!

Continúa a programación dos 12 Doces do Outono os domingos 3, 10 e 17 de novembro nos centros socioculturais: Se as árbores falasen de Iseo A Moura, Bichocas de Atenea García, Mulleres de sal de Marta Ortiz, A ovella Engracia con María Lado e Lucía Aldao, O río da bruxa de Paula Carballeira, O país dos mandóns de Teatro Ghazafellos, Príncipas e princesos dos Contos de Pablísimo e A tortoise, un can, two monsters e un pícnic de Pérez & Fernández.

E un gran feixe de actividades chegadas da man da Rede Cultural da Deputación acabarán de vestir estes meses de outono e case inverno noutros tantos centros socioculturais composteláns: O home orquestra de Çè Orquestra Pantasma, Coa porta aberta de Bego Bras, Un bico para Alí de Fabaloba e Luís Prego, Espantamedos de Odaiko Krea, A viaxe de Nano, de Raquel Queizás, Camiños de Magín Blanco, Un nadal cheo de neve e soños de Ti e mais Eu Teatro ou a Feira das linguas de Lydia Botana.

Ides quedar na casa?

Toda a información en:

apego.santiagodecompostela.gal

Pin It on Pinterest

Share This