Xa estamos en novembro e as crianzas máis grandiñas están afeitas de todo á rutina da escola. Se fosen outros tempos poida que nesta altura xa lles tomasen a lección. Que vos parece se voltamos por un día a aqueles anos e visitamos a exposición Castelao Maxistral na Cidade da Cultura?

Esta é a proposta que vos facemos para este mes de novembro xunto cunha manchea de actividades que farán que gocemos deste tempo outonizo e de magostos en familia. Apuntádesvos?

O programa 12 Doces do Outono continuará desenvolvéndose nos centros cívicos durante os domingos 4, 11 e 18 cunha programación familiar moi saborosa. A galiña azul de Tanxarina, A máquina do tempo dos Ghazafellos, Unha presa de castañas de Caxoto, Martiña Soñadora de Sabela King e Carlos Gil, os Contos outonais e de inverno de Celtia Figueiras, Nube, nube, sol de Teatro ao Cubo, o concerto Fantasía musical de Papi e Mami, os Contos da cesta de Carapuchiña con Bea Campos e Circanelo de N+I completan os doces de outono deste ano.

Para os máis pequerrechos, desde o Departamento de Lingua, pensamos en chamar unha vez máis a Nano, que virá acompañado de Raquel Queizás, para festexarmos o magosto e a Marcelo Dobode e Bea Martínez que nos traen o novo obradoiro musical de Percubebés, Moraima. Non esquezades que estas actividades precisan inscrición previa!

A Rede Cultural da Deputación achega este mes os Contos de medo que deixan durmir de Caxoto Contacontos e o programa FalaRedes da Xunta de Galicia levará os Asubíos de Elefante Elegante a Conxo.

A información completa ao voso dispor en:

apego.santiagodecompostela.gal

Pin It on Pinterest

Share This