Foto de grupo de técnicas/os e responsables políticas/os de concellos que desenvolven o proxecto Apego

Foto de grupo de técnicas/os e responsables políticas/os de concellos que desenvolven o proxecto Apego

Recollemos o premio en representación dos 30 concellos que estamos desenvolvendo o programa Apego e queremos agradecer, en nome de todos eles, este recoñecemento a un proxecto de normalización da lingua que financian e desenvolven a través dos seus servizos de normalización lingüística e que pretende dúas cousas tan esenciais como incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso.

Agradecémolo porque entendemos que o premio é un recoñecemento ás administracións locais que, con gobernos de diferentes opcións políticas, asumiron conxuntamente a responsabilidade de fomentar o uso da nosa lingua e de sumarse e apostar por proxectos tan necesarios e tan urxentes para o futuro do idioma e para o noso futuro como pobo. Traballar dun xeito planificado e en rede, se se quere e hai vontade, é posible. O Apego é tamén un exemplo diso.

Agradecémolo porque entendemos, ou queremos entender, que este premio é un recoñecemento ao traballo técnico especializado, planificado e coordinado que se fai desde os SNL municipais.

E o que é máis importante, agradecémolo porque desexamos que este premio sirva para recoñecer a necesidade urxente de traballar de xeito conxunto, coherente, coordinado e planificado para asentar o uso da lingua desde a infancia dado que isto é prioritario e fundamental para o futuro do idioma.

Agardamos pois que outras administracións asuman dunha vez a súa responsabilidade para non privar as crianzas de descubrir o mundo na lingua de seu, na nosa lingua propia, na que nos define e diferencia como pobo, na lingua que recibimos como herdo, na lingua que temos o deber de transmitir dado que, sen dúbida, é a nosa maior e mellor creación colectiva.

Rosa Moreiras e Roberto Rielo recollendo o premio

Rosa Moreiras e Roberto Rielo recollendo o premio ao proxecto Apego

Apego foi unha iniciativa técnica que, como tantas outras, xurdiu ao abeiro da CTNL, da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras da Normalización da Lingua, e que se puxo ao dispor da Administración.

Hoxe é unha realidade grazas á responsabilidade e ao compromiso, político e técnico, dunhas poucas administracións municipais que fomos quen de artellar fórmulas para colaborar e para coordinarnos, e así lograr que este programa poida desenvolverse, nas mesmas condicións, en lugares con tamaños e recursos moi dispares e chegar, directamente, a case a metade da poboación galega e, virtualmente, a todas as familias, que son moitas, interesadas en encontrar medios que faciliten, apoien e arroupen a crianza e a socialización en galego.

Ás persoas que traballamos dun ou doutro xeito neste programa, Apego achéganos algo moi necesario para seguir, achéganos ilusión e optimismo, pois, día a día, vemos que, aínda que queda moita terra por andar, arredor do Apego van xurdindo novas ferramentas e novos recursos e, sobre todo, vemos que son moitas, moitísimas, as familias, de todos os recunchos do país, que queren criar en galego, que demandan poder criar en galego, que se achegan aos servizos de normalización buscando apoio e recursos para socializar en galego ás nenas e aos nenos.

O programa Apego é unha porta que se abre para o futuro, para que os que cheguen poidan medrar felices e orgullosos do que son e de como son, coa certeza de teren unha lingua que lles dea memoria de onde veñen, de pertencer a unha familia, a un tempo e a un lugar, a unha cultura única, irrepetible e valiosa, que os identifica e que os sitúa no universo para, partindo de aquí, coñecer o mundo enteiro.

Por este motivo temos e queremos dedicarlle este premio a esa inmensa rede de familias que está tecendo o futuro do idioma.

Nas vosas mans e na vosa lingua está o futuro.


Texto lido o martes 12 de decembro na gala de entrega dos Premios da Cultura Galega 2017, na que se lle entregou o de Lingua ao proxecto Apego, e no que interveu en representación dos 30 concellos Rosa Moreiras, técnica de normalización lingüística do Concello de Ames e neste ano coordinadora xeral de Apego.

Máis información sobre os premios, aquí: https://www.cultura.gal/gl/premios-cultura-galega-2017-0

Programa e información en .pdf dos Premios da Cultura Galega 2017

s12d7141

Foto de grupo de todas e de todos os galardoados nos Premios da Cultura Galega 2017

Pin It on Pinterest

Share This