No último mes do ano, a cidade de Santiago de Compostela convértese na Estrela do Nadal e as crianzas agardan pola chegada dos seres máxicos desta época como o Apalpador, mais tamén pola Festa do Apego, o evento máis esperado na cidade que máis un ano xuntará unha chea de xogos, contos e actuacións para o público infantil no Auditorio de Galicia. Reservade a data no calendario!
No Espazo Apego, o xogo e os xoguetes tradicionais serán o fío condutor deste tempo cheo coma sempre de divertidas actividades e espectáculos onde a lingua galega é, para as nosas nenas e nenos, o mellor agasallo. Todas as actividades propostas do Espazo Apego se desenvolven con inscrición previa cubrindo cadanseu formulario. O día anterior sobre as 12 h recibirase un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.
A lingua medra
Luns / 17 h / Espazo Apego
Os diferentes contextos da vida teñen o seu espazo cada luns arredor do xogo, da experimentación, do coñecemento… Cada semana o enfoque será diferente: cociñarase no espazo Merendolas; a psicomotricidade será a guía en Movéndonos con Apego; realizaremos unha actividade interxeracional cunha visita especial en Quen vén?; e a ciencia será a protagonista en Experimentamos. De 17 a 19 h para 2-6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres anterior á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.
Luns 2. Merendolas: Pan doce de Nadal
Luns 9. Movéndonos con Apego
Luns 16. Quen vén?
Luns 23. Experimentamos
Luns 30. Experimentamos
Tardes de contos
Martes / 17 e 18.15 h / Espazo Apego
Un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor dunha temática mensual e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0 a 3 anos e de 18.15 a 19.15 h para 3 a 6 anos.
Martes 3
Martes 10
Martes 17
Enredando e lingoretando
Mércores / 17 h / Espazo Apego
Un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción.
Mércores 4. Xogamos coas palabras
Mércores 11. Fabricamos xoguetes
Mércores 18. Imos ao patio
Tachán!
Dous xoves do mes/ 18 h / Espazo Apego
Contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.
Xoves 12. Leo e o Nadal, de Trémola Teatro (de 6 meses a 4 anos)
Este é o primeiro Nadal de Leo e está moi nervioso; Ana contoulle todo o que se fai: decorar a casa, cantar panxoliñas, contos de nadal… e quere facelo todo! Axudádesnos a que Leo teña un Nadal moi especial?
Xoves 19. Arrolar, de Fundación Legar (de 0 a 3 anos)
Arrolos, cantigas de berce e nanas empregando movementos acompasados, percusión corporal, sons bucais e instrumentos musicais de raíz (axóuxeres como a gaia, o dálle, ou peido de galiña!), este programa Arrolar é unha actividade de interactuación coas familias, que contarán cos instrumentos de raíz e as cantigas recolleitas para poder participaren na sesión.
Festa do Apego
Sábado 21 / de 12 a 20 h / Auditorio de Galicia
Máis un ano, a tradicional Festa do Apego enche o Auditorio de Galicia con teatro, contos, música, obradoiros, xogos e unha chea de recursos. Todas as familias con nenas e nenos poden acudir de balde até completar a capacidade de 12 a 14 h e de 16 a 20 h. Máis información a partir do día 16 de decembro na páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela.