recompilacion-2019Desde que se implantou no ano 2016 a través de Normalización Lingüística no Concello da Coruña, o programa Apego non fai máis que medrar. Este proxecto converteuse, coa súa programación cultural anual nas diferentes instalacións municipais da cidade, nun espazo onde as familias galegofalantes, neofalantes e tamén aqueloutras que teñan o interese de criar as súas fillas e fillos en galego, poidan facelo contando con recursos abondos. Cara a estas pequenas e pequenos, con idades entre os 0 e os 6 anos, está dirixido este programa que xa conta na Coruña con máis de 600 familias inscritas a través da web, das cales máis de 150 foron anotándose ao longo deste ano. De entre todas elas, 90 crianzas recibiron a súa caixiña neste ano 2019 e mesmo algunhas familias recolleron unha segunda ou terceira polo aumento da familia cunha nova ou novo bebé.

Cando as mamás e os papás veñen coñecer máis de preto o funcionamento do programa e recibir o agasallo de benvida e mais nas conversas que se producen por mor das actividades programadas, podemos coñecer cal é a súa motivación para participar. O máis habitual é que sexa unha familia galegofalante que non atopa espazos de socialización en galego na cidade da Coruña e sente que as escolas están estragando dalgún xeito unha educación na lingua de noso que na casa se dá e que logo se esvaece no ámbito escolar e tamén no de ocio. Mesmo é frecuente que as nais e pais galegofalantes que aproveitan a chegada dun bebé para se mergullaren na nosa lingua e cultura. Outros tipos de familias migrantes que acoden ás nosas actividades: aquelas que marcharon ao exterior e volveron con morriña e comprometidas co futuro da lingua, así como as persoas que veñen doutros países e descobren que aquí temos un idioma, tradicións e cultura propias e queren facer inmersión a través das súas fillas e fillos. E tamén aqueloutras que buscan espazos e actividades para o lecer, sen ter unha clara vontade lingüística. Todas elas conforman a nosa gran familia “apegueira” coruñesa.

Para esta comunidade do Apego, que tamén acolle xente da comarca coruñesa e doutras cuxos concellos non participan neste programa, no Concello da Coruña ofrecemos actividades para todas as franxas de idade do programa e que van desde os concertos curtos para bebés, as actividades cantadas como contacontos, cantaxogos ou teatro musical, os obradoiros e o teatro de monicreques. Todas as actividades son realizadas por profesionais de enorme éxito no noso panorama audiovisual para o público infantil. O grande interese das familias pola programación do Apego na Coruña explica a media de inscrición de practicamente o 100% e un promedio de asistencia do 75%.

Dividida en dúas seccións estacionais, a programación de primavera e a de outono, no último ano fixéronse ducias de actividades diferentes, a gran maioría en varios pases, entre contacontos, obradoiros de estimulación da linguaxe para bebés ou de creación de instrumentos, cursos de arrolos, espectáculos músico-teatrais ata os concertos para bebés e para a cativada de máis idade. Actividades moi participativas e todas coa intención de apegarse á nosa lingua.

Pin It on Pinterest

Share This