O mes de maio preséntase en Carnota repletiño de actividades culturais e de lecer para todos os públicos. Destacamos aquí tres propostas dirixidas a familias con crianzas de 0 a 6 anos, destinadas a favorecer a socialización en galego na primeira infancia.

O 9 de maio, ás 17:30 h, terá lugar no salón de actos do Concello de Carnota Un bico para Alí, un obradoiro para contar, cantar e xogar en galego con Fabaloba e Luís Prego, dirixido a familias con nenos/as de 0 a 6 anos. Para participar nesta actividade cómpre realizar unha inscrición previa no Servizo de Normalización Lingüística. O prazo de inscrición remata o 8 de maio ás 12:00 h.

O 17 de maio festexaremos o Día das Letras Galegas cos Contos de Pablísimo e o seu Paroleiro, unha sesión de contacontos para crianzas a partir dos 3 anos que terá lugar ás 17:00 h no salón de actos do Concello de Carnota. A participación nesta actividade é libre, sen necesidade de inscrición previa, ata completar o aforo do local.

E o 29 de maio gozaremos con Paxariños, espectáculo teatral para bebés e familias a cargo de Trinke Trinke, que terá lugar ás 18:00 h no salón de actos do Concello de Carnota. A participación nesta actividade require inscrición previa, que se pode realizar ata o 29 de maio ás 12:00 h.

actividade_apego_carnota-001-1

Pin It on Pinterest

Share This