Mañá, sábado 5 de novembro, Bea Campos e Davide González de Migallas Teatro estrearán o obradoiro Orella Pendella, creado especificamente para as familias do programa Apego de Pontevedra, co obxectivo de recuperar e devolverlles ás familias o patrimonio lingüístico que se viña herdando de xeración en xeración.

Están previstas dúas sesións, de 45 minutos cada unha, ás 11.30 horas e ás 12.30 horas, na sala Bolechas da Casa da Luz. Participarán cincuenta familias que forman parte do programa Apego, vinte e cinco en cada sesión. O obradoiro está dirixido a nais e pais con nenos e nenas de ata seis anos. Xuntos aprenderán e practicarán ditos, recitados e cancións infantís para xogar en familia. Orella Pendella é unha creación de Migallas Teatro, a partir do web orellapendella.org.

Este obradoiro insírese dentro do programa Apego, que desenvolve a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. As actividades programadas diríxense ás familias que xa teñen fillos e fillas ata 6 anos ou que están agardando un novo membro; todas elas son de balde, e é necesario inscribirse. As prazas cóntanse por familia; entendendo que cada praza é un menor acompañado de ata dous adultos ou dous adultos que estean agardando un novo fillo ou filla.

O programa Apego quere acompañar ás familias na aventura da transmisión da nosa lingua como herdo aos seus fillos. Apego busca recuperar o galego como lingua de relación dentro da familia, para que os nenos e as nenas medren na descuberta do mundo desde o galego a través do amor, o arraigo e a identidade. O programa busca reforzar nos nenos a identidade coa familia e coas súas raíces a través do riquísimo patrimonio que atesoura a lingua galega.

Máis información no web www.apego.gal e no Servizo de Normalización Lingüística. Concello de Pontevedra (rúa dos Churruchaos, núm. 2, 1º andar Tel. 986 863 15)

Pin It on Pinterest

Share This