Nigrán acolle este venres 17 de marzo un acto en que sete novos concellos formalizarán a súa participación no proxecto Apego, de socialización da infancia en galego, que se amplía así a 30 municipios

Apo_600lcaldesas, alcaldes, concelleiros/as e persoal técnico de diversas entidades locais participarán o venres 17 de marzo, ás 12.00 h, na Casa do Concello de Nigrán no acto de sinatura da addenda ao programa Apego, o proxecto para a socialización da infancia en galego que se puxo en marcha en 2015 desde os servizos de normalización lingüística (SNL) de 12 concellos e que vai medrando ano a ano, e que chegará neste 2017 a ser desenvolvido en 30 municipios.

As novas entidades que se incorporan a este programa de dinamización lingüística cooperativo son O Carballiño, Cee, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Sada e Vilagarcía de Arousa, e súmanse así a Ames, A Baña, Carballo, Carnota, Coruña, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Vigo e Vimianzo.

Despois dos dous primeiros anos de vida deste proxecto dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos, programación de actividades etc., súmanse sete aos 23 concellos que o están a desenvolver. Deste xeito, o proxecto Apego chega agora a unha poboación que supera os 1.300.000 habitantes, entre a que está a das sete cidades galegas e das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.

No acto institucional previsto, que será presidido polo alcalde de Nigrán, persoal técnico dos servizos de normalización lingüística explicará que é Apego, e nel intervirán tamén representantes políticos/as dos diversos concellos. Tamén está prevista unha breve actuación do músico Magín Blanco.

Avaliación positiva do programa

Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) faise unha avaliación moi positiva do programa, tanto pola acollida ata o momento, como polo número de familias directamente implicadas –xa están adheridas formalmente arredor de 2.000–, polos recursos creados, pola participación nas actividades e polos resultados que se van percibindo.

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para ese proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia, a través do programa facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc.) coma virtuais, con propostas de cancións, xogos, etc., a través do sitio web www.apego.gal, ou da serie de vídeos na rede en que o polbo Po lles ensina ás nenas e aos nenos cousas como xogos para aprender as partes do corpo, atar os cordóns, facer galletas en familia, etc. Ademais de facilitar materias, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais (charlas, obradoiros, etc.), e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas (concertos, contacontos, teatro, etc.). Neste 2017 deseñaranse e desenvolveranse novas accións no marco deste programa.

Podes seguir a actualidade de Apego en Faceboo, aquí > https://www.facebook.com/apego.gal/

Pin It on Pinterest

Share This