A programación infantil deste mes en Compostela está ben nutrida pois, amais de festexarmos os Maios e as Letras Galegas a Ascensión invítanos a todas as súas atraccións e mais a achegarnos coas crianzas á feira de Amio para admirarmos e recoñecermos as partes do corpo dos cabalos… animádesvos?

Dentro da programación da Ascensión 2018 temos a Festa no Teatro Principal que, entre os días 12 e 13 de maio, traeranos diversos microteatros con artistas como Marta Ortiz, Avelino González, Fátima Villamel, Pablísimo, Elefante Elegante, Ghazafellos, Charo Pita…; e espectáculos como A fiestra dos soños dos Trotaventos, As andanzas de Paio de Oviravai e Gatuxo con Magín Blanco. Tamén no Teatro Principal, Baobab Teatro chega o día 26 ás 18.30 h con Pum, pum!

O DLG propón este mes descubrirmos o mundo dos ritmos co Percubebé de Marcelo Dobode e Bea Martínez no CC do Ensanche o día 24 ás 18.30 h e unha completa festa musical con Pitusa Semifusa de Olga Brañas o mércores 30 ás 18.30 h no CC de Santa Marta.

O Auditorio de Galicia organiza visitas guiadas con obradoiro arredor da exposición Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia que podedes compartir coas vosas crianzas os días 12, 13 e 17 ás 10 e 16 h.

Os centros cívicos tamén participan das actividades infantís en maio: obradoiros de cociña, de primeiras cancións e xogos de mans (Cantarelas), de animación á lectura…

Todo isto e moito máis podédelo atopar en http://apego.santiagodecompostela.gal/

Pin It on Pinterest

Share This