O Concello de Ames organiza a III Festa do Apego de Ames e convídanos a unha xornada de festa con contos, música, xogos e moitos máis recursos para gozar coa e desde a lingua. Será o sábado, 18 de xuño, na Casa da Cultura de Bertamiráns e na Praza de Chavián desde as once da mañá ata as nove da noite. Haberá música, contos, xogos e moitos máis recursos e actividades para pasar unha xornada de lecer divertida e produtiva. Ademais, as librarías do concello colaborarán con mostras e descontos en materiais infantís en galego. Nesta ligazón podedes ver toda a programación da festa: Cartel da III Festa de Apego de Ames.
O prazo de inscrición para as actividades estará aberto dende o 9 ao 16 de xuño. As reservas realizaranse enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando as actividades ás que se quere asistir, nome e apelidos das persoas solicitantes, idade das crianzas e teléfono de contacto. Neste enlace podedes descargar un formulario para facilitar a inscrición: Folla de inscrición nas actividades.
A festa comezará ás 11.00 horas co espectáculo Son no berce, de Cris Collazo. Un concerto didáctico-sensorial para bebés co obxectivo de espertar as emocións a través de estímulos sensoriais: imaxes, palabras, tactos, aromas e música. Esta actividade está dirixida a crianzas de 0 a 3 anos.
Ás 12.00 horas chega, para as nenas e nenos de a partir de 3 anos, O pozo do encanto de Lydia Botana e Fabaloba. Traerán a Ames contos, cancións e recursos lúdico-educativos para enriquecer a crianza dun xeito divertido e creativo.
A mañá continúa ás 13.00 horas, co espectáculo para toda a familia, Cantacontos a carón da fiestra, onde os contos, a música e a poesía nos levan de viaxe polo máxico mundo dos soños da man de Manolo Boquete e Ramón Feáns.
Babaluva Teatro abre a sesión da tarde, ás 17.00 horas, coa súa Feira das sementes, dirixida a crianzas de a partir de 3 anos. Mirari Urruzola traeranos a feira máis pequena do mundo, na que nada se vende e na que as sementes se trocan por outras, por un conto, un refrán, unha canción ou unha adiviña.
Ás 18.30 horas daremos voltas, revoltas e reviravoltas coas Maimiñas e o seu concerto participativo de ritmos variados e melodías diversas para toda a familia viaxe polo mundo adiante sen saír do Pazo da Peregrina.
A III Festa do Apego péchase ás 20.00 horas coa actuación do grupo Migallas que nos ofrecerá as súas cancións máis populares para bailarmos e cantarmos a ritmo de rock, cumbia, rap, reagge, pasodobre, rumba…
Actividades permanentes durante toda a xornada
Ao longo de todo o día haberá catro actividades que estarán de xeito permanente, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, na Praza de Chavián e para as que non se precisa inscrición:
- Espazo do Apego, con información sobre o programa Apego e os recursos que pon a dispor das familias.
- Espazo de Recursos, no que haberá unha ampla mostra de materiais para facilitar a crianza en galego (contos, música, audiovisual, xogos…) con asesoramento ás familias interesadas.
- Espazo de Xogos de mesa, con xogos de mesa en galego para todas as idades deseñados e creados por Brazolinda a disposición das persoas asistentes.
- Espazo de Xogo libre “Terra” de Miudiño, un espazo de xogo con material natural non estruturado con múltiples posibilidades para fomentar o xogo libre e a creatividade das crianzas.
Colaboración das librarías con descontos e mostras de recursos
As librarías municipais, Lenda e Máinomen, en Bertamiráns, e Nenos Nais, no Milladoiro, colaboran coa festa. Durante toda a semana do 10 ao 18 de xuño daranlle especial relevancia nos seus escaparates aos recursos infantís en lingua galega e o propio sábado 18 de xuño ofrecerán un desconto do 10% en todos estes materiais.