O Concello de Ames organiza a II Festa do Apego de Ames, que se celebrará o sábado 19 de xuño no Pazo da Peregrina. Haberá música, teatro, contos, baile, obradoiros, xogos e outros recursos para pasar unha tarde de lecer divertida e produtiva. Ademais, as librarías do concello colaborarán con mostras e descontos en materiais infantís en galego. Neste enlace podedes ver toda a programación da festa: Cartel II Festa do Apego de Ames.

O prazo de inscrición para as actividades estará aberto dende o 9 ao 16 de xuño. As reservas realizaranse enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando a actividade á que queredes asistir, nome e apelidos das persoas solicitantes, idade das crianzas e teléfono de contacto. Neste enlace podedes descargar un formulario para facilitar a inscrición: Folla de inscrición nas actividades.

A festa comezará ás 11.00 horas co espectáculo Derriba da lúa, de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Nel combínase narración oral con música para arrolar, cantar, xogar e medrar dende os primeiros meses. Esta actividade está dirixida a crianzas de 0 a 3 anos.

Ás 12.00 horas chegan As Armadanzas, dirixidas a un público familiar. Montse Rivera e Mercedes Prieto traerán a Bertamiráns baile, música, animación e contos para mover o corpo e a imaxinación sen saír do asento.

A mañá continúa con contos para as crianzas a partir de 3 anos da man de Vero Rilo, que ás 13.00 horas ofrecerá Outra vez!, unha selección de pequenas alegrías, unha escolma de contos de aquí e de alá para contar sen parar.

Pablo Díaz e Olga Kirk abren a sesión da tarde ás 17.00 horas co seu espectáculo Canta música, un obradoiro concerto dirixido a un público familiar que mestura música tradicional coas cancións máis modernas dos discos de Pablo Díaz.

Ás 18.30 horas chegará o Baúl da tía Tola coa función teatral Estrazalonia, dirixida a crianzas de 1 a 6 anos, e que pretende estimular os sentidos a través das emocións, das sensacións, da sorpresa e da ilusión.

A II Festa do Apego rematará ás 20.00 horas coa actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona, orientada a un público familiar. Esta banda reinterpretará clásicos populares galegos cun toque particular, desde A Carolina “rapeada” ata O Jato “rockeiro”, ademais de temas propios con diferentes estilos.

Actividades permanentes

Ao longo de todo o día haberá tres actividades que estarán de xeito permanente, en horario de 11.00 a 20.00 horas, no Pazo da Peregrina e para as que non se precisa inscrición:

  • Espazo do Apego, con información sobre o programa Apego e os recursos que pon a dispor das familias.
  • Espazo de Recursos, no que haberá unha ampla mostra de materiais para facilitar a crianza en galego (contos, música, xogos…) e no que se ofrecerá asesoramento ás familias interesadas.
  • Espazo de Xogos, que pon a disposición das persoas asistentes xogos de mesa en galego para todas as idades deseñados e creados por Brazolinda.

Colaboración das librarías con descontos e mostras de recursos

As librarías municipais, Lenda e Máinomen, en Bertamiráns, e O Tinteiro e Nenos Nais, no Milladoiro, van colaborar coa festa. Durante toda a semana do 14 ao 19 de xuño daranlle especial relevancia nos seus escaparates aos recursos infantís en lingua galega e o propio sábado 19 ofrecerán un desconto do 10% en todos estes materiais.

Pin It on Pinterest

Share This