cartel-estio-vilagarcia-peqChega un ano máis un dos festivais infantís que son unha referencia para a rapazada, o Festival do Estío de Vilagarcía, que a partir de agora se une ao programa Apego para preparar unha gran festa de celebración da chegada do verán destinada á socialización en galego e ao goce do público máis cativo.

Así, pois, ao do sábado 16 de xuño, no parque Miguel Hernández de Vilagarcía de Arousa, será unha xornada de encontro para as familias chea de música, de xogos educativos e de espazos para microescenas, con contos, teatro, monicreques ou maxia, dos que gozaran tanto grandes coma pequenas

Alí estará o Nubinete de Anxo Moure, os feitizos con Apego de Martín Camiña, os Paxariños de TrinkeTrinke, a música de Xoán Curiel, o Cocoricoricó de Charo Pita, unha Manchea de contos de Bea Campos, a Fantasía con Apego de Fani Triana, a Bruxa Regañadentes de Vero Rilo, as Animaladas de Marta Ortiz, o Tranvía Leonardo de Inacio Vilariño, os Contos do Bardo Abelardo, Babamor de Larraitz Urruzola e a música máis divertida de Pablo Díaz e a súa banda.

Unha auténtica festaza para nenas e nenos que se organizará en diferentes espazos:

> Tres lugares para microescenas de proximidade. Por cada un deles pasarán catro espectáculos diferentes. Cada un fará catro pases de 10 minutos e coincidirán en tempo cos que se estean a representar nas outros dous recintos cubertos. O obxectivo é que o público poida ir rotando dun a outro espectáculo dunha maneira dinámica. En total, 12 microescenas que encherán a programación de todo o día.

>Haberá tamén un escenario polo que pasará un dos proxectos musicais máis recoñecidos de Galicia: a banda musical de Pablo Díaz, que pechará a xornada cun concerto presentando o seu último traballo.

>Durante toda a xornada tamén haberá un amplo espazo para o xogo que potenciará a socialización das familias e o goce libre da cativada.

Ah, claro, e todo isto con acceso libre e de balde, para que todas as familias de Apego poidades gozar do día en Vilagarcía de Arousa!

Pin It on Pinterest

Share This